As parroquias do Covelo reclaman a falta de subministro de gas

Os veciños quéixanse da escasa regularidade no subministro das bombonas

O Covelo | Ata dous meses sen subministro de bombona de gas nalgunhas parroquias de Covelo, esta é a situación que viven algúns veciños e veciñas dende que comezou o presente ano 2023. Ante isto, o Concello de Covelo tentou acordar unha solución coa empresa subministradora, GASCÍES S.L. Vigo ao longo das diferentes chamadas e reclamacións enviadas.

“Neste ano 2023 recibimos numerosas queixas dos veciños e veciñas de Covelo de tódalas parroquias referentes á falta da regularidade no subministro das bombonas de gas e propano nos seus domicilios, motivo polo que contactamos en varias ocasións coa empresa”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

Sen obter mellora no servizo de reparto que durante meses deixa sen subministro a varios barrios, e a outros tantos asiste de xeito desorganizado e con retraso, o alcalde vén de trasladar á xefatura territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación o seu malestar ante a falta de seriedade da empresa subministradora.

No seu escrito relata que a empresa subministradora advirte que deben trasladarse á gasolineira de Paraños para mercar a bombona ante a falta de persoal, “unha resposta que non imos aceptar xa que non é compatible coas condicións sociodemográficas do noso concello con boa parte da veciñanza de idade avanzada e sen recursos para desprazarse que debe afrontar os custos de pagar un taxi para ir a gasolinera a mercar a bombona de gas”.

O Concello de Covelo solicita apoio e a intermediación da Consellería para resolver o problema e recuperar o reparto coa normalidade que se viña dando con anterioridade, cada semana nos lugares con máis poboación e cada quince días no resto dos lugares. O Concello sinala que a maioría dos fogares utilizan a bombona para as cociñas, para a auga quente e para sistemas de calefacción. Ademais, esta situación prexudica ao sector hostaleiro que tamén se ve na obriga de desprazarse a mercar as bombonas interrompindo así o seu traballo diario.

Esta situación provoca queixas e malestar constante ademais dunha situación de inseguridade e risco de sanción nos desprazamentos ao portar unha mercadoría perigosa. “Pedimos a colaboración de Industria para que a empresa cubra as necesidades da poboación axeitadamente ao ver mermado este servizo básico que é tan preciso para as nosas e os nosos veciños”.