As forzas políticas opinan sobre o Corpus

PSdG-PSOE, PP, ACiP e Esquerda Unida

Delfín Domínguez Cerdeira | Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Ponteareas


Valoración das Festas do Corpus.
Este ano espertan una especial ilusión e expectativa por poder celebrarse coma sempre. Por tanto, o meu recoñecemento e parabéns para os alfrombristas pola posta en valor do Corpus en moitos lugares de Galicia e do estranxeiro.

Valoración da xestión do goberno local: elementos máis salientables
A xestión do goberno local pódese cualificar de boa en termos xerais. Cabe salientar algunhas cousas que estaban enquistadas e que era preciso resolver: a aprobación do PXOM como ferramenta fundamental para a ordenación do territorio e para garantir a seguridade xurídica. Obviamente, non todo o mundo vai a estar de acordo. Lembrar que pasaron 20 anos desde a suspensión do PXOM debido a licencias urbanísticas ilegais. O proxecto de ampliación da EDAR (Depuradora da Moscadeira) con unha importante inversión que vai permitir resolver un dos problemas graves de depuración de augas residuais. O cambio das luminarias por LED como medida de aforro enerxético e respectuoso co medio ambiente. Hai outras cousas nas que habería que mellorar e avanzar mais rápido como o parque empresarial; o saneamento das parroquias; máis diálogo coas asociacións veciñais e limpeza dos espazos públicos como A Freixa.

Nivel de transparencia do goberno local: valoración do 1 ao 10
Eu daríalle un 7. Penso que temos mellorado amplamente en transparencia aínda que sempre se pode e se debe ir mais aló.

Belén Villar | Voceira do Partido Popular de Ponteareas

Valoración das Festas do Corpus.
A festa do Corpus foi perdendo protagonismo; este Goberno non comparte as tradicións; apóias porque non queda outra; non teñen intención de potenciala como o que merece unha festa declarada de interese turístico internacional.

Valoración da xestión do goberno local: elementos máis salientables.
O noso balance destes sete anos de goberno bipartito é negativo. Apenas se mantivo o que xa viñan facendo outros gobernos con anterioridade; nin unha soa infraestrutura nova e deterioro das actuais: auditorio, residencia de maiores, escola infantil, estación de autobuses, A Freixa, Pardellas, etc. Aumento da débeda en 14 millóns de euros, mentres que pola contra subiu a recadación por multas e sancións. Son o goberno máis caro de Ponteareas, subiron o salario da alcaldesa e do Goberno en plena pandemia.

Nivel de transparencia do goberno local: valoración do 1 ao 10.
O nivel de transparencia cos partidos da oposición é cero. Moitas veces enterámonos das propostas do Goberno polos medios de comunicación e cando xa non se poden emendar ou modificar. A falta de diálogo non é so cos partidos da oposición; os veciños tamén reclaman maior transparencia e consenso. Nos últimos meses as rúas foron claras en denunciar esta falta de diálogo no caso da instalación caldeira de Biomasa, na reordenación do tráfico, o enfado dos comerciantes ou o desastre que está a supor a obra interminable na Praza Bugallal.

Juan Carlos González Carrera | Voceiro Alternativa Cidadá de Ponteareas (ACiP)

Valoración das Festas do Corpus.
Para ACiP, falar de Corpus é falar de Ponteareas e da súa historia, que leva o nome da nosa cidade por todo o mundo. Por tanto, e sendo unha festa declarada de Interese Turístico Internacional, debería contar cunha divulgación anual e non temporal como ata o de agora.

Valoración da xestión do goberno local: elementos máis salientables.
Dende a nosa perspectiva non existe nada positivo que salientar deste goberno local. Nestes momentos son os maiores abandeirados do abandono e do caos no que teñen sumido a Ponteareas. A diario chégannos queixas, tanto do rural como na urbe, debido a vexación de funcións por parte do goberno bipartito de BNG e PSOE. Estamos perdendo a imaxe de cidade hospitalaria, con zonas para o desfrute e o recreo, como podemos observar nun dos nosos baluartes, como debería ser o entorno de A Freixa. Unha cousa é a propaganda comunicativa do goberno e outra a realidade social.

Nivel de transparencia do goberno local: valoración do 1 ao 10.
O nivel de transparencia é de 0 por non pór cualificacións en negativo. Somos a única formación que tivo que denunciar o actual goberno no ano 2020, xa que se negaba a darnos acceso a documentación que nos pertence por lei. O Concello foi xulgado por falta de transparencia, unha cousa vergoñenta para un ente deste tamaño e repercusión.

Lino Costas | Coordinador Local Esquerda Unida de Ponteareas

Valoración das Festas do Corpus.
Tomando en conta que o Corpus é o evento cultural máis importante do noso concello, o goberno municipal ten que apoiar economicamente o esforzo da veciñanza na súa preparación e celebración; deberíase reducir a actuación do Concello por tratarse dunha festa esencialmente relixiosa.

Valoración da xestión do goberno local: elementos máis salientables.
Quizais o máis salientable deste goberno é que precisamente non hai nada especialmente salientable. A súa política é moi parecida á dos anteriores gobernos da dereita, incluíndo a peonalización do centro da vila e o saneamento económico, sobre todo o relacionado coas chamadas “facturas do caixón”. O bipartito o que fixo foi cumprir co Plan de Saneamento Financeiro aprobado en 2013 polo PP e ACIP. Tampouco hai avances en participación, redistribución, atención social, coidado do medio ambiente e do patrimonio e moito menos na recuperación dos servizos privatizados.

Nivel de transparencia do goberno local: valoración do 1 ao 10.
Como valoración, sendo xenerosos, podemos darlle un 4. Se ben mellorou bastante dende que se puxo en marcha o portal de transparencia, este segue a ser moi deficiente porque falta información e a que está subida ás veces é difícil de atopar. No relativo ás solicitudes de información, como é o caso dos orzamentos, ou non contestan ou tardan meses en contestar xustificando a súa admisión ou inadmisión.