“Arredor do Camiño pode nacer unha ponte moi ampla de intereses”

Carlos Quiroga | Escritor e profesor
O escritor Carlos Quiroga editou en Brasil a súa recente novela ‘Fractal’.

Carlos Quiroga (O Saviñao) é profesor da USC mais tamén autor de traballos e novelas. Unha destas últimas, Fractal, editouse en Brasil como consecuencia dun encontro mediante Internet entre académicos e profesionais brasileiros e galegos arredor de Galicia e o coñecemento sobre o país en terras americanas. Doutra banda, Quiroga remarca o alto interese en terras americanas sobre o Camiño de Santiago e que ao final podería converterse nunha ponte de unión entre as variedades galego-portuguesas.

“A historia é un triángulo amoroso, mais dentro do triángulo amoroso hai máis triángulos e de aí vén a evocación remota”

Cal é a motivación detrás da escolla de Fractal como título do seu traballo?
O libro tiña unha estrutura moito máis experimental e atendía a moitas imaxes nun primeiro momento. Era un triángulo constantemente repetido das personaxes que falaban, tamén na parte central había unha conversa coral entre varias personaxes e tamén eran tres historias. Daquela o título era máis amplo O suplicio da fogueira no fractal, outro era O suplicio da fogueira no triángulo Sierpinski. Este último é un triángulo fractal con numerosos triángulos no seu interior repetíndose até o infinito. Como a historia é un triángulo amoroso, mais dentro do triángulo amoroso hai máis triángulos e de aí vén a evocación remota.

Na estrutura de capítulos pois tamén había un uso matemático, un tanto até o infinito, e que eran repeticións de triángulos. O suplicio da fogueira no triángulo Sierpinski remitía a unha historia de amor colocada na fin da terra en que o esquema triángulo era un tanto recorrente. Logo, durante as conversas co editor e supoño que por unha visión obxectiva, creu conveniente e beneficioso para o hipotético consumo do libro, reducir o experimentalismo do libro e tamén desapareceron as imaxes todas, incorporáronse títulos aos capítulos e á personaxe que falaba para que fose menos confuso.

Gústalle que cualifiquen Fractal como un exercicio de narrativa experimental?
Non, eu véxoo como unha novela que se le con facilidade e o efecto “experimental”, o máis enfatizado, tampouco se buscou de maneira moi intencionada. Cando contactei co editor brasileiro este pediume libros meus e deille a escoller entre varios que xa tiñan pasado por editoras galegas e portuguesas.

Pensei en Inxalá que tivera boa acollida en Portugal mais el pediu algo novo. Logo mostreille uns rascuños e elixiu o de Fractal, basicamente porque hai unha personaxe brasileira que ía camiño de Fisterra. Esta personaxe non estaba en orixe, era un pouco como de recheo para darlle un pretexto a algunhas conversas dentro do triángulo de personaxes nun hotel de Fisterra. E en Brasil o tema do Camiño está moi de moda, decidiu escoller este libro.

“En Brasil, o tema do Camiño está moi de moda”

Fractal sería a pedra angular coa que lle gustaría construír unha ponte entre Camiño de Santiago e América?
En realidade levo tempo tentando abrir unha ponte con Portugal editando libros alí. No Brasil, cos dous libros anteriores, de poder editar conxuntamente o mesmo libro aquí e alí.

No caso de Portugal xa aconteceu e sobre o Brasil falouse dese tipo de pontes grazas aos medios reprográficos actuais. Cando falei de facer unha ponte, falaba dunha ponte máis ampla, algo difícil. Non obstante, o Camiño pode levar a un bo entendemento e por tanto pode nacer unha ponte de intereses arredor desta ruta.

Entón é posible que Santiago se estea convertendo nun punto referencial para a lusofonía ou o abano de variedades lingüísticas galego-portuguesas?
Si, algo diso hai. Os brasileiros, como sociedade, saben pouco do asunto da Galiza, agás a pequena burguesía que pode viaxar, ademais está a mala imaxe que teñen dos portugueses por seren excolonia. Mais cando chegan á Galiza e descubren o das cantigas medievais, que aínda existe o galego e hai unha terra de onde saiu a lingua, quedan encantados aínda que politicamente está na España, e entre o neboeiro, a comida e a mística do Apóstolo, veñen encantados. O continxente brasileiro que visita o Camiño é dos máis amplos e posiblemente vaia a máis. Así eu entendo que o Camiño une e máis parece haber unha compoñente medio mística e simbólica que se vende para reflexións mesmo “filosóficas”.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.