O Porriño | Promover un cambio modal cara un tipo de transporte menos contaminante, máis saudable e seguro, dando prioridade aos peóns fronte aos vehículos a motor, e mellorando a accesibilidade universal, é o obxectivo do último dos proxectos presentado polo Concello do Porriño que transformará unha das arterias de entrada e saída ao casco urbano.
Os traballos do proxecto “Senda ciclista e pavimentación rúa Antonio Palacios no tramo rúa CruceiroCans” céntranse na construción dun carril bici, ampliación de beirarrúas e redimensionado e pavimentación dos viais de circulación, mellorando así a seguridade viaria e a accesibilidade universal.
A actuación conta cun orzamento de 1.066.887,26€, dos cales 645.024,26€ serán financiados cunha axuda da Deputación de Pontevedra, enmarcada no programa Reacpon, unha vez concedida neste ano 2025 e modificado e ampliado o seu proxecto inicial. A transformación afectará a un tramo cunha lonxitude de 1.625 metros e cunha superficie de 22.960 metros cadrados, que abrangue dende o parque Gonzalo Ordóñez ata a entrada da parroquia de Cans, establecéndose un prazo de execución de seis meses.
“A creación deste carril bici formará un dos futuros eixos de mobilidade sostible que dá servizo ao conxunto do Porriño facilitando o acceso ao casco urbano da vila”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, facendo referencia á continuidade que terá este carril ciclista pola avenida Domingo Bueno ata chegar á rotonda de A Casilla, en Atios, “para o cal xa temos tramitada outra posible subvención, o que suporía a unión destas dúas parroquias a través do centro do municipio”.
Con todo elo, esta transformación dos usos provocará un notable aumento da mobilidade ciclista e peonil nos desprazamentos cotiáns, á vez que mellorará a calidade do aire e o medio ambiente. Ademais, este carril bici dará servizo a equipamentos municipais como son o Instituto Pino Manso, o colexio Xosé Fernández López e o polideportivo, que verán a súa contorna humanizada coa ampliación das beirarrúas en ata catro metros de ancho.
De xeito paralelo, para a mellora da seguridade no tráfico rodado e nos itinerarios peonís nesta zona está proxectada a execución dunha rotonda (prevista xa no PXOM do ano 2003) que enlazaría a rúa Antonio Palacios coa estrada que dá acceso á autovía A-52.
No proxecto “Senda ciclista e pavimentación rúa Antonio Palacios no tramo rúa Cruceiro-Cans” contémplase a reforma e reparación da capa de rodadura do vial, cun novo asfaltado e sinalización horizontal; instalación de sinalización vertical; soterramento da liña de alumeado coa recolocación dos puntos de luz e a instalación de novas columnas de tecnoloxía led; reforma dos sumidoiros; reposición da rede de abastecemento e plantación de árbores.