Antón Riveiro Coello, Laura no deserto (Galaxia, 2011).

O mes pasado ocupou este espazo Olga Novo co seu Cráter, Premio da Crítica Española no apartado de poesía. Este mes tócalle á obra que levou o premio de narrativa, ao que hai que sumarlle o galardón que concede a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega). Non sempre a concesión dun premio, ou de dous, é garantía de calidade. Pero si neste caso. Un dos traballos menos presentes na crítica literaria, do noso sistema e en xeral de todos, é o da análise de todos os elementos vencellados á recepción dunha obra. Se houbese que facer unha catolagoción apurada para Laura no deserto, tanto os premios, como as recensións positivas, como a experiencia directa a través da valoración dos lectores, perceptible sobre todo a través da actividade dos clubes de lectura, serían claros indicativos do interese que está a espertar a novela malia a que nin sequera pasou un ano desde súa publicación.

O éxito probablemente vén dado pola calidade do discurso; polo exercicio estilístico co que se domea unha prosa que flúe con naturalidade e un argumento ben construído, sen descoidar uns personaxes ben atractivos. Pero tamén pola temática. Un autor prézase de selo cando logra ser recoñecible, e Riveiro Coello éo por, entre outros motivos, abeirar desde múltiples perspectivas o tema da memoria; a persoal, a familiar e a histórica. A protagonista, Laura, desde a súa amnesia tenta tender pontes cara a lembranza para comezar a reconstruírse. Precisa dos outros, como os outros precisan dela, ao mesmo tempo que salda contas cun pasado traumático que se converte alegoricamente nun trauma colectivo: a violencia instrínseca aos totalitarismos que devastaron a Europa do século XX. O introspectivo mestúrase co histórico nesta narración concibida como unha fuxida cara a liberdade. Laura foxe da represión franquista, do campo de concentración alemán (un dos capítulos máis sobrecolledores) e dos recordos dolorosos. Para iso válese dos subterfuxios da imaxinación e da arte, cando non do esquecemento.

Riveiro Coello non é o único que se está a achegar a un tema tan esencial, quizais porque o presente empéñase en revivir aberracións que pensabamos superadas. Un dos últimos exemplos, nesta caso da literatura española, é a novela La bella bestia de Vázquez Figueroa, biografía ficcionada de Irma Ilse Ida Grese, un dos anxos da morte nazis. Laura no deserto ofrécenos un achegamento máis próximo, desde o noso, a un tema universal sen obviar ningunha das pezas que compoñen unha grande obra de ficción. E isto é, seguramente, o que fai que estea a conseguir o favor dos lectores.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.