Alfonso Rueda convértese no sexto presidente da Xunta de Galicia

É investido cos 40 votos do Partido Popular, co voto en contra do BNG e PSdeG-PSOE e a abstención de Democracia Ourensá

Santiago de Compostela | Comeza oficialmente a “era Rueda” ao fronte da Xunta de Galicia. Tras vencer nos comicios autonómicos do pasado 18 de febreiro, o ata agora presidente en funcións Alfonso Rueda impón o seu ritmo político inaugurando oficialmente a etapa post-Feijóo ao fronte do goberno autonómico, ao que chegou en 2022 en relevo do seu antecesor, unha vez Feijóo decidira presentarse para dirixir o Partido Popular a nivel estatal, cargo que ocupa actualmente no Congreso dos Deputados.

Non houbo sorpresas na sesión de investidura no Parlamento galego. Bastaron os votos a favor dos 40 deputados alcanzados polo PPdeG nas pasadas eleccións para que Rueda se convertera no sexto presidente da Xunta de Galicia dende que se alcanzara o Estatuto de Autonomía en 1981. Toda vez era previsible os votos en contra do BNG (25 deputados) e do PSdeG-PSOE (9 deputados) A abstención do debutante Democracia Ourensá, DO (1 deputado) da a entender que, salvo casos específicos, Rueda e o PPdeG gobernarán basicamente en solitario, amparados na súa maioría absoluta.

No seu discurso de investidura, Rueda deixou entrever os eixes do seu goberno ata 2028. Creará unha Oficina de Coordinación Económica baixo o seu mando directo. Tamén anunciou a creación dunha Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais, o cal deixa ás claras que Rueda tamén aposta forte na política estatal tomando en conta o actual contexto co respecto a Catalunya e Euskadi. Rueda xustificou esta iniciativa argumentando que “o interese supremo de Galicia está seriamente cuestionado” polo goberno central de Pedro Sánchez.

A sesión de investidura tamén serviu para dar o ‘pistoletazo de saída’ do novo curso político. A principal candidata da oposición Ana Pontón (BNG) xa anunciou que actuará “como un goberno alternativo” para “mellorar a vida da cidadanía”. Pontón apunta expectativas a que, en 2028, haberá un cambio político na Xunta.

Pola súa banda, no seu discurso, o líder socialista José Ramón Gómez Besteiro enfocou en temas como a enerxía e a industria consciente de que esta nova lexislatura se prevé tensa con Madrid. Pontón e Besteiro acusaron a Rueda de “falta de proxecto propio para Galicia”.

O debutante Armando Ojea (DO) amosou o seu convencemento de que, nesta nova lexislatura con Rueda ao fronte, acabará a “discriminación histórica” que “ten sufrido Ourense”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.