‘Alfombreiro’, ‘auguista’ e ‘lubre’ entran no Dicionario da RAG

Nova actualización que honra o Corpus Christi e ao grupo Luar na Lubre

A Coruña | As voces Alfombreiro, -a, auguista e lubre xa poden consultarse no Dicionario da Real Academia Galega. O Seminario de Lexicografía acaba de incorporar a esta ferramenta en liña estas tres palabras, logo de valorar senllos pedimentos da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, o Concello de Mondariz Balneario e mais o grupo musical Luar na Lubre e Navia Franco Barreiro. O director do Dicionario, Manuel González, agradécelles a todas as partes o interese manifestado para manter actualizada esta ferramenta en liña, obra fundamental para o estudo e coñecemento da nosa lingua.

Alfombreiro, -a entra no Dicionario cunha primeira acepción xeral referida a calquera persoa que fai, amaña ou vende alfombras e incorpora unha segunda que designa a quen “confecciona alfombras de carácter efémero con flores ou con outros elementos naturais, especialmente para manifestacións rituais ou relixiosas”. O exemplo que a acompaña fai mención expresa á tradición de Ponteareas, onde veciños e veciñas deseñan e danlle forma a máis dun quilómetro de alfombras que engalana o domingo de Corpus as rúas e prazas desta localidade do sur de Pontevedra.

“Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración”, salienta a asociación que reúne as persoas que a fan posible. A beleza e dimensión dos mantos creados con flores, matas e arbustos converteu Ponteareas nun referente neste tipo de manifestacións que se repiten noutras partes do país, e valeulle ademais o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.

Tamén desde a comarca do Condado chegou ao Seminario de Lexicografía a proposta de incorporar ao Dicionario a voz auguista, que identifica a “persoa que toma as augas ou os baños medicinais nun balneario”. O pedimento formalizouno o Concello de Mondariz Balneario, gran vila termal na Europa de comezos do século XX e que segue a ser hoxe en día un foco fundamental do termalismo en Galicia. A localidade garda ademais unha estreita relación coa historia do galeguismo. O seu histórico Gran Hotel Balneario foi fundado en 1873 por Enrique Peinador, gran mecenas da cultura galega que acolleu destacados intelectuais.

Neste espazo a Real Academia Galega celebrou en 1920 os ingresos como académicos de número Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto, e un século despois, en setembro de 2023, a entrada na institución da profesora estadounidense Kathleen March como académica de honra.

Canto a lubre, o Dicionario define esta voz como “bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos”. A palabra foi recollida con anterioridade en diversos dicionarios históricos como o do académico Leandro Carré Alvarellos (1888-1976) e o de Eladio Rodríguez (1864-1949), que chegou a ser presidente da institución. Tamén a incorporou ao seu popularísimo Diccionario galego-castelán o académico de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020) a partir da súa segunda edición, saída do prelo en 1972 con máis de 42.000 voces, 5.000 máis ca na primeira, publicada catro anos antes. O Seminario de Lexicografía decidiu que lubre figure tamén no Dicionario en liña da RAG tras valorar o pedimento realizado polo líder do grupo musical Luar na Lubre, Bieito Romero, e Navia Franco Barreiro, filla de Franco Grande.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.