Agora que estamos en campaña

Vémonos inmersos nunha morea de slógans, de anuncios, de cartelería, todo sustentado sobre palabras, porque as palabras non son neutrais. Serven para influír na mente do que as escoita.

Nos últimos tempos, coa imposición social do neoliberalismo, estase producindo o que se deu en chamar “pensamento positivo”, que se encarga de meter nas mentes das clases subalternas a linguaxe dos ricos, dos privilexiados. Xa escribira Mario Benedetti: “Non me gaste as palabras/ non me cambie o significado/ mire que o que eu quero/ téñoo bastante claro”.
Os defensores do neoliberalismo aseguran que se trata dun enfoque económico que levará á felicidade do individuo a través da privatización e dos mercados libres. Hoxe hai moi poucas economías que non se rexan polo neoliberalismo, pola escola de Chicago. O obxectivo último é que a riqueza se concentre nunhas poucas mans.
Unha das primeiras medidas do neoliberalismo é retirar a presenza do Estado dos servizos públicos vendéndollos ao sector privado. Hoxe vemos como o FMI (Fondo Monetario Internacional) nos solicita un esforzo para manter o neoliberalismo. Está claro que o FMI non foi elixido democráticamente polos individuos aos que lle solicitaba axuda. Pero o máis arrepiante é que cidadáns que viven no límite da pobreza repitan como autómatas que “todos temos que poñer algo da nosa parte” para o rescate dos bancos e diante dos recortes dos servizos públicos.
Aquí vese claramente que o neoliberalismo busca construir o consentimento dos cidadáns para así manter as inxustizas e desigualdades. Utilizan a linguaxe, que non é neutral, para que a través dos políticos e dos medios de comunicación afíns, que son practicamente todos, se xenere un “sentido común”, como xa nos dicia Gramsci, no que a desregulación e a privatización que levan aos pobres a ser máis pobres e aos ricos a ser máis ricos nos parezan “o bo” e “o normal”.
En España o goberno recortou pensións, as axudas á dependencia e os soldos dos funcionarios para manter o euro a flote e sexamos ben vistos polo FMI, mentras tanto Telefónica, que deixou en paro a un montón de traballadores, obtivo suculentos beneficios. A crise económica creada polos propios especuladores e bancos atópase coa colaboración de personaxes “progres” como Juan José Millás ou Andrés Buenafuente, ou modelos como Pau Gasol para os máis novos, aparecendo nos medios de comunicación e repetindo o lema de campaña “entre todos podemos arranxalo”. Esta perversa campaña desenvolveuse durante todo o ano 2010 sen apenas protestas significativas.
No actual neoliberalismo mentres as desigualdades aumentan son os propios desfavorecidos os que apoian as inxustizas. Esta é unha poderosa táctica para o mantemento do neoliberalismo: a aceptación sumisa daqueles aos que está explotando. Nestes momentos no Estado español estamos asistindo a unha fase educativa que consiste en convencer aos cidadáns máis necesitados de que as medidas que se están levando a cabo son necesarias para o seu futuro. Os medios de comunicación teñen que conseguir que os afectados, as vítimas do modelo social asuman e se convenzan que isto é o único que se pode facer. Chegada esta fase, que xa temos aquí, ao liberalismo non lle queda nada por facer. Son as propias vítimas quen o sustentan de por vida.
Hoxe fálase moito do pensamento positivo. Parece como se as cousas non existiran, que somos nós quen as inventamos. Se temos un pensamento positivo a solución xa está á porta. O uso do positivismo é unha aplicación moi útil da linguaxe para o control das mentes dos cidadáns en tempos neoliberais. Asistimos nos últimos anos ao crecemento polo que se nos trata de inculcar que a saída á crise está nas nosas mans. Que aceptemos resignados as medidas drásticas que se nos impoñan polos que provocaron a crise porque iso vainos favorecer. Como?, preguntámonos algúns. Como é posible que os mesmos, os culpables desta desregulación do mercado que está aumentando o número dos multimillonarios e ao propio tempo aumentando o número dos máis necesitados, como, nos preguntamos, é posible que nos pidan as vítimas apoio para que eles sigan engordando os seus beneficios? Pois si, estano a facer. Dende Europa, dende Madrid, dende EEUU. Todos se conxuraron para que sexamos nós os que os saquemos do burato. Burato que a eles só lles preocupa no senso de que se non somos obedientes consumidores os seus negocios non serán tan prósperos. Non na idea de Ford que dicía que se un obreiro das súas fábricas non gañaba o suficiente para mercar un coche dos que axudaba a producir o seu negocio non tiña futuro.
Estamos en eleccións. Todos nos piden o voto. Honestamente non me atrevo a aconsellarlles que non lle fagan caso, pola sinxela razón de que aínda sen o noso consentimento van seguir igual. A solución é máis drástica. Nestes momentos impensable; pero cecais nun futuro non moi lonxano teñamos que pensar noutras saídas.
A nosa vida e a dos nosos fillos e netos está en xogo.
Saúde e Terra.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»