A Xunta de Galicia destaca a solidez económica galega post-pandemia

Así asegurou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos ante o Círculo de Empresarios de Vigo

Vigo | O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor o patrón de crecemento de Galicia perante as incertezas actuais da economía.

Durante a súa participación no Almorzo-Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, onde impartiu o relatorio Patrón de crecemento e conxuntura: a incerteza que non cesa, Miguel Corgos aseverou que esta situación de vantaxe débese a que a senda de crecemento postpandemia de Galicia está marcada polo crecemento da demanda externa.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública resaltou que a pesar do impacto que está a ter a guerra arancelaria, cunha revisión á baixa do crecemento das economías, Galicia conta con tres grandes ferramentas para facer fronte a esta nova situación.

Como primeiro instrumento, Miguel Corgos referiuse ao Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, que avala que o Goberno galego traballa con previsións e que segue con rigorosidade a folla de ruta marcada. Unha folla de ruta que será sometida a revisión para adaptala á conxuntura actual e que conta con 5 eixes transversais: o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza.

Como segunda ferramenta, resaltou a sostenibilidade das finanzas públicas, marcadas por un peche do orzamento 2024 cun superávit do 0,25%, mellorando as previsións iniciais, onde o obxectivo era xa o déficit cero; polo maior esforzo investidor de todas as comunidades autónomas, alcanzando o 16,4%; e pola redución da débeda en 234 millóns de euros, rebaixando a rateo débeda/PIB ata o 14,5%.

Todo isto, pagando con axilidade aos provedores: 17,3 días de media en 2024, é dicir, na metade da media de España. Esta axilidade beneficia aos case 15.700 provedores que traballan coa Xunta, pois favorece a súa liquidez, tendo en conta que moitos deles son pemes e autónomos. Miguel Corgos recordou que a Comunidade galega é, ademais, a segunda con maior taxa de resolución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, superando en case 20 puntos a media das comunidades (18,3) e da Administración xeral (17,6), o no que respecta aos mercados, resaltou o aliñamento das políticas comerciais coa UE como terceiro elemento clave para facer fronte a este novo desafío.

Nesta liña, incidiu na necesidade de recuperar a estabilidade e forxar acordos comerciais de beneficio mutuo. E recordou que a credibilidade do marco de política monetaria –coa independencia dos bancos centrais como pedra angular- seguirá a ser fundamental. O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu advertindo que as empresas precisan previsibilidade para avanzar, que a política monetaria terá que seguir anticipándose aos múltiples desafíos e que os mercados de divisas poden experimentar unha forte volatilidade. “Polo xeral, precísase un comportamento prudente, máis claridade e transparencia e unha maior colaboración”, aseverou.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.