A Xunta corrixe impactos paisaxísticos en bens municipais

Afecta a Chantada, Pantón, Ribas de Sil e Sober

Chantada | A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu axudas por importe global de 57.600 euros para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos e edificios municipais de Chantada, Pantón, Ribas de Sil e Sober.

A Consellería vén de resolver esta orde de axudas, convocada en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito acaba de ampliarse ata os 800.000 euros. Recolle dúas liñas de actuación: a primeira subvenciona obras para emendar o impacto negativo que causan sobre a contorna edificacións nas que se prestan servizos municipais, e a segunda está pensada para mellorar equipamentos públicos propiedade dos concellos, con especial fincapé nos elementos etnográficos.

As achegas poden acadar o 70% do custo estimado -ata un máximo de 20.000 euros por liña- e as actuacións deben adaptarse aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia ou aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados. O Concello de Pantón mellorará o aspecto da nave, substituíndo a cuberta de chapa por outra de panel tipo sandwich, e recebando e pintando os muros de bloque, ademais de incorporar canles e baixantes de aluminio lacado e construír un novo peche da parcela.

Recibe a achega máxima de 20.000 euros
Ademais, Sober recibe 14.000 euros para renovar o palco da música de Proendos, Ribas de Sil terá 13.000 euros de financiamento para actuar nos paramentos verticais dun depósito de augas municipal e dun muro de contención situados na área recreativa de San Clodio, e Chantada contará con 10.500 euros para actuar no lavadoiro da Portada, na traza do Camiño de Santiago.

No conxunto de Galicia, a Xunta concedeu 52 axudas a 42 concellos galegos —algúns recibiron unha por cada liña—, por un importe global de 800.000 euros, esgotando o crédito consignado a esta orde de incentivos.

No que respecta á provincia, resultaron beneficiados un total de 16 concellos con achegas que suman 240.000 euros.

A Consellería de Medio Ambiente convocou tamén unha liña de axudas para particulares, que acadou as 2.000 solicitudes e que ten previsto resolver este mesmo mes.

Segunda convocatoria das axudas
En 2021 convocáronse por primeira vez estas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos; en Lugo aprobáronse achegas para 126 obras promovidas por particulares, por unha contía total de 344.000 euros, e 12 promovidas por concellos, con apoios que sumaron 149.000 euros (destes, 43.000 euros para obras en Ribas de Sil, Taboada, Pantón e Chantada).

En vista do éxito da primeira edición, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.