A vía de acceso ao santuario dos Milagres en Baños de Molgas (Ourense) xa é municipal

O decreto foi publicado no Diario Oficial de Galicia pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Baños de Molgas | A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou o 24 de maio no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade a prol do Concello de Baños de Molgas do treito final da estrada autonómica OU-103, que constitúe o acceso ao santuario da Nosa Señora dos Milagres, situado no lugar dos Milagres do Medo, na parroquia de Vide. Esta transferencia foi aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 7 de maio.

O Concello de Baños de Molgas manifestou ao departamento de Infraestruturas da Xunta o seu interese polo cambio de titularidade do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+870 e 5+090, sendo informado favorablemente polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas ao ser únicamente vía de acceso ao citado santuario.

A transferencia a prol do Concello deste treito do viario autonómico tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que debe ser aprobado mediante decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas.

“Con este cambio de titularidade, que foi efectivo desde o 25 de maio, o Concello de Baños de Molgas terá a competencia para actuar no treito final da estrada OU-103 e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento”

Con este cambio de titularidade, que foi efectivo desde o 25 de maio, o Concello de Baños de Molgas terá a competencia para actuar no treito final da estrada OU-103 e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. A entrega formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia.