A UE está a tentar eludir cumprir a sentenza do TXUE en relación aos acordos comerciais con Marrocos

En 2015 e 2018 o TXUE anulou os acordos de libre comercio e de pesca UE - Marrocos por comercializar con recursos que son do pobo saharauí

Bruxelas/GUE/NGL | Como xa alertou o mes pasado a eurodeputada galega Lídia Senra, logo de que o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) anulara no ano 2015 o libre comercio asinado entre a Unión Europea e Marrocos, e de que no 2018 anulara tamén o acordo pesqueiro, nun absoluto alarde de cinismo a UE está a pór en marcha estratexias co obxectivo de eludir cumprir o ditaminado polo seu propio tribunal en relación ao obrigado respecto da vontade do pobo saharauí sobre os seus recursos e territorios.

Senra é a responsábel para todo o GUE/NGL no seguimento de tres novos informes sobre as relacións comerciais entre a UE e Marrocos

Para poder presentar novos acordos económicos que faciliten aproveitarse dos recursos naturais do pobo saharauí sen renunciar a ter como socio a unha potencia ocupante, como é o Reino de Marrocos, a UE está a desenvolver un procedemento coñecido como “intercambio de notas”. En palabras da propia Organización das Nacións Unidas (ONU), adóitase recorrer á técnica do intercambio de notas por tratarse dun procedemento rápido, ou, ás veces, para evitar o proceso de aprobación lexislativa. A UE non dá puntada sen fío. Marrocos tampouco.

“Esta modificación que a UE está a tentar facer a través do procedemento de intercambio de notas non pode considerarse so de natureza técnica. Lévase a cabo nun contexto político, xudicial e xeopolítico amplo, no que a explotación dos recursos naturais son un elemento clave do conflito entre o Goberno de Marrocos e o pobo saharauí”, analiza Senra.

A deputada ven de presentar varias emendas á resolución non lexislativa da Comisión de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento Europeo sobre a proposta de Decisión do Consello relativa á celebración do Acordo en forma de Intercambio de Notas entre a Unión Europea e o Reino de Marrocos sobre a modificación dos Protocolos n.° 1 e n.° 4 do Acordo Euromediterráneo polo que se crea unha Asociación entre as Comunidades Europeas e os seus Estados membros, por unha parte, e o Reino de Marrocos, por outra (0481/2018 – C8-0000/2018– 2018/0256M(NLE)). A votación das mesmas na Comisión INTA está prevista para o vindeiro mes de decembro.

Lídia Senra fai fincapé cas súas achegas, entre outros aspectos, na advertencia de que os intereses políticos, económicos e comerciais nunca poden estar por riba do respecto e a garantía dos dereitos humanos e o dereito internacional, polo que as violacións de dereitos humanos que ocorren tanto no Sáhara Occidental Ocupado como en Marrocos, contraveñen a cláusula de dereitos humanos, que se considera en termos legais como un elemento esencial dos acordos comerciais ratificados por la Unión Europea.