
Salceda de Caselas | A sociedade salcedense destacou sempre pola súa solidariedade e por estar sempre dispoñible a botar unha man nos momentos máis complexos ao longo de todo ano. Sen embargo, e case dun xeito inevitable, esa solidariedade multiplícase nas datas de Nadal, sendo numerosas as iniciativas organizadas para axudar ás persoas que máis o precisan.
O programa municipal de alimentos, principal destinatario destas accións, atende nestes momentos a 60 persoas, das cales 25 son menores de 16 anos, polo que dende o Concello de Salceda queremos rematar o ano agradecendo enormemente a cantas persoas e organismos puxeron o seu granciño de area nestas datas tan sinaladas.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, Selene González, Concelleira de benestar social, e o resto do equipo de goberno, amosáronse orgullosas e orgullosos da sociedade salcedense, que unha vez máis “sabe estar á altura e botar unha man cando é preciso”, recoñecendo que no caso de Salceda, basta con facer unha chamada de auxilio para que sexan múltiples as mans ofrecidas, tal como se ten demostrado en situacións como as da DINA ou máis recentemente os incendios do verán de 2025, e moi especialmente nas datas de Nadal onde todos e todas queremos contribuír a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza.
Selene González lembrou que incluso unha veciña a título particular quixo facer unha aportación económica para destinar a vales de compra “en agradecemento a Salceda que tan ben a acolleu cando se mudou á nosa vila fai dous anos”.
-Partido solidario de fútbol organizado pola Fundación Denis Suárez: o diñeiro recaudado foi destinado integramente á infancia en situación de especial vulnerabilidade, permitindo que todos os nenos e nenas teñan un regalo baixo a árbore o día dos Reis Magos.
-Cárnicas O Labrego: Un ano máis esta empresa local afincada na nosa praza de abastos tivo a ben doar vales de compra de carne para o programa de alimentos, favorecendo deste xeito o consumo de produto fresco.
-SMRC Automotive, coa súa planta en Salceda de Caselas, fixo como cada ano unha aportación de alimentos para contribuír a que as cenas de nadal sexan especiais.
-Cruz Vermella co seu proxecto socioeducativo axuda á inclusión social da nosa infancia con actividades extraescolares durante todo o ano e de xeito máis especial con agasallos de Nadal para a rapazada pertencente ao proxecto.
– O centro de estimulación infantil Manus organizou tamén unha actividade de Nadal na que se realizou recollida de alimentos para o programa municipal.
-O IES Ribeira do Louro (Torneiros) e o IES Pedras Rubias (Salceda) realizaron actividades onde a xuventude demostrou ser solidaria. Ambos centros impulsaron iniciativas para colaborar co Programa Municipal de Alimentos: a “V Feira do libro” no Porriño e a “XIX Subida solidaria ao Penedo Redondo en Salceda de Caselas”
– A San Silvestre solidaria, organizada polas Escolas Deportivas de Salceda e polo propio Concello de Salceda, contou este ano con máis de 600 participantes que fixeron a súa aportación ao programa municipal de alimentos.




