A Cañiza | O Alcalde da Cañiza Luís Piña, acompañado dos concelleiros Rubén Muiños e Eva María Rivas, fixo balance da situación económica do Concello entre o 31 de decembro de 2019, ano no que chegou á Alcaldía, ata o 31 de decembro de 2024. Se ben considerou que a situación “é complicada” e que “non o estamos pasando ben”, asegurou que o momento actual “é mellor que en 2019” cando as contas eran unha “absoluta ruína”. Cinco anos que se corresponden coa súa xestión como Alcalde, nas que se conseguiu rebaixar a débeda en 1.312.570,42€.
Indicou que para o 31/12/2019 existían 4.284.509,09€ de facturas impagadas por parte do anterior goberno “que xa non tiña crédito ante os proveedores”. Ese saldo para o 31/12/2024 é de 809.602,46€ “recuperando o nivel de crédito e de contratos”. O saldo de liquidez nas contas pasou de 202.122,87€ en 2019 aos 350.410,86€ en 2024.
“O camino é duro para os vindeiros anos pero estamos convencidos da necesidade de frear a curva ascendente de endebedamento. Non vou tirar o Concello pola borda”, explicou Piña. Así, a Corporación aprobou un Plan de Axuste que contempla o aumento da presión fiscal, o fomento da austeridade no gasto ordinario e os recortes na plantilla de persoal do Concello “pero non de forma agresiva” e sen cubrir os postos de persoal xubilado.
Esa austeridade chega tamén ao seu peto: indicou que, debido ao seu nomeamento como Deputado no Congreso de España, desde febreiro pasado o Concello non ten que asumir os custes do seu salario como Alcalde, calculado en 53.000€ anuais. Unha decisión orientada a axustar o balance das contas.