A risa como terapia chega a Ponteareas

No Auditorio e nas parroquias de Bugarín, Guillade, Canedo e Cillarga

Ponteareas | O Concello de Ponteareas achega novos cursos ao centro da vila e aos centros e casas culturais das parroquias, levando novas iniciativas lúdicas, didácticas e de lecer a toda a veciñanza. Nos vindeiros días comezará un curso de risoterapia no centro urbano, en Bugarín, Guillade, Canedo e Cillarga, unha actividade de balde dirixida a público adulto que busca ofrecer un rato agradábel ao tempo que se mellora a saúde mental e o benestar emocional a través da risa con diferentes xogos e dinámicas.

O curso no Centro Cultural de Cillarga será este mesmo xoves 27 de abril, de 20.00 a 21.30 horas. A actividade contará con prazas limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse na propia casa cultural ou no departamento de Cultura.

Xa en maio a actividade chegará tamén ao Centro Cultural de Bugarín. Alí o curso impartirase os martes a partir do 2 de maio de 11.00 a 12.30 horas. Tamén será os martes, pero en quenda de tarde de 20.00 a 21.30 horas, no Centro Cultural da parroquia de Guillade.

Xa os mércores, este curso tamén se imparte aula multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo en horario de mañá (de 11.00 a 12.30 horas) e no Centro Cultural de Canedo de 20.00 a 21.30 horas. A inscrición será de balde nas casas ou centros culturais ou no departamento de Cultura, co teléfono 618 705 635.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, salienta a importancia de actividades como estes cursos, xa que “achegan ás e aos ponteareáns unha disciplina como a risoterapia que ten demostrado ser moi efectiva para combater o estrés e a ansiedade ou para mellorar o benestar persoal da veciñanza. Todo ao tempo que se promove a convivencia e o intercambio de experiencias nun ambiente positivo”.

Xeración D’, a campaña itinerante para impulsar as competencias dixitais
Ponteareas acolle a vindeira semana a visita dunha unidade móbil de ‘Xeración D’, unha campaña itinerante que busca impulsar o desenvolvemento das competencias dixitais a través de xogos e actividades que permitirán ás persoas participantes afondar nas súas habilitades dixitais, sacarlles partido e coñecer novas ferramentas que axudan a melloralas.

O autobús estará situado na rúa Concha Brey os vindeiros 3 e 4 de maio de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas e o venres 5 de 10.30 a 14.00 horas. Obradoiros, xogos e actividades están pensados especialmente para persoas desempregadas, mulleres maiores de 45 anos, persoas maiores… “procurando así rachar coa fenda dixital e ofrecendo multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais, aplicábel a todos os ámbitos da vida cotiá”, como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

A actividade será de balde e terá unha duración de entre 30 e 40 minutos. A unidade móbil está equipada con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. Unha experiencia que se axustará ás necesidades de cada persoa usuaria tras facer un test de autodiagnose para coñecer o nivel de competencias dixitais.

As persoas participantes enfrontaranse a xogos e actividades de todos os niveis, dende aprender a realizar unha busca óptima en internet ata a fuxir das fake news, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital. As e os asistentes poderán participar nun scaperoom na que terán que poñer en práctica o aprendido para resolver o xogo e saír da sala.

Para participar os colectivos interesados só deberán confirmar a súa asistencia e escoller o horario que mellor se adapte ás súas necesidades a través da web da campaña, con un máximo de 15 persoas por grupo.