A riada provoca serios danos na Fonte de Troncoso en Mondariz Balneario

Anegou por completo o vaso do manancial

Mondariz Balneario | A forte riada que experimentou o río Tea entre o 31 de decembro e o 1 de xaneiro pasado provocou enormes danos na Fonte de Troncoso, no concello de Mondariz Balneario.

A forza da auga provocada polo desbordamento do río Tea, causou grandes prexuízos materiais neste edificio histórico, botando abaixo a reixa de fundición que pechaba o alzado Leste da fonte proxectada por Antonio Palacios.

Ademais, a forza da auga, que anegou por completo o vaso do manancial, de 145 metros cadrados e 3 metros de fondura, provocou a dislocación dunha das tres portas de dobre folla que dan acceso á fonte. A enchente do río, que nunca causara tantos danos neste ben cultural protexido, tamén provocou o deterioro no interior da planta de embotellado de granito anexo ao nacente, aínda que non son facilmente visibles desde o exterior da edificación.

SOS Fonte de Troncoso, un colectivo veciñal que leva anos demandando a recuperación deste histórico manancial, quere facer un chamamento de urxencia ao Concello de Mondariz Balneario, propietario do edificio, e á Xunta de Galicia, que encargou un proxecto de rehabilitación do inmoble, para que adopten unha serie de medidas urxentes en defensa da fonte:

1.- Que as autoridades competentes encarguen aos técnicos municipais e ao arquitecto autor do proxecto de rehabilitación do manancial, un informe completo sobre os danos provocados por esta riada.

2.- Que o informe técnico determine que accións urxentes son necesarias para frear o deterioro deste histórico manancial mentres non se inician as obras de restauración, en particular para evitar o vandalismo e o espolio da fonte a cargo de persoas sen escrúpulos.

3.- Que a Garda Civil e a Policía Autonómica poñan en marcha, de forma conxunta, un plan de vixilancia diúrna e nocturna da fonte para disuadir aos cacos que puideran pretender roubar algún elemento deste ben cultural, como aconteceu o mes de abril de 2022, cando persoas sen identificar espoliaron un dos catro leóns alados da varanda interior aproveitando que a fonte estaba aberta.

Abandono histórico
A inusitada forza da auga do Tea non é o único motivo que explica o dano causado á fonte. O abandono e a especulación que sufriu esta histórica surxencia ao longo das últimas décadas tamén están na raíz do deterioro alarmante dun edificio protexido que abriu as súas portas no ano 1910 da man do seu proxectista, o recoñecido arquitecto porriñés Antonio Palacios, amigo de Enrique Peinador Lines, propietario do balneario de Mondariz.