Na miña experiencia como deputado nacionalista no Congreso, durante tres lexislaturas, entre 1996 e 2008, tiven oportunidade de experimentar as reticencias e atrancos deliberados que se puñan a toda iniciativa que posibilitase un achegamento político entre os dous estados e favorecese a comunicación e osmose galego-portuguesa. Os moitas grupos de amizade do Congreso coas respectivas cámaras doutros países do mundo viaxaban con frecuencia e facilidade a eles. Pertencín ao grupo de amizade con Portugal.
Pois ben, nunca conseguín que viaxásemos alí, malia a miña insistencia e perseveranza para logralo, co pretexto de que xa había unha comisión bilateral hispano-portuguesa que funcionaba á perfección. O presidente do grupo, o Sr. Gabriel Cisneros, tiña claro cal era o seu papel, durante o Goberno do Sr. Aznar. Porén, era xustificado, perante a miña insistencia crítica ou desacougo, por unha deputada galega, co argumento de que nada tiña en contra o seu correlixionario, pois lle encantaba Portugal e pasaba as ferias alí.
Co goberno do Sr. Zapatero, posibelmente o presidente dun Goberno español máis respeitoso coas formas democráticas, insteino a que, aproveitando un cumio hispano-portugués, acordasen a aplicación das directivas comunitarias que facilitaban a recepción das canles televisivas portuguesas na Galiza. Pareceulle, en principio, nunha conversa privada, de fácil resolución e sen problemas. Ao regreso trataba de esquivar que o interrogase sobre o resultado. O máis probábel foi que fixera a súa promesa, sen saber moi ben até onde chegaba o deseño estratéxico español respecto desta cuestión. Alguén o advertiu da súa inconveniencia.
“Dou a impresión de só a un galego, consciente de selo, lle importaban aqueles visitantes”
Persistindo no empeño, logrei por fin viaxar a Portugal, pero formando parte da Comisión de Tráfico e Seguridade Viaria, á que pertencía. Nas entrevistas con algún Ministro e co Presidente da Asemblea da República, expreseime en galego-portugués, sendo respondido por ambas autoridades no mesmo idioma. Sen dúbida, a falta de maior interese por parte doutros membros en intervir facilitou a presenza case exclusiva da voz galega. Igual situación, produciuse cando visitou o Congreso español unha comisión parlamentar portuguesa, co presidente da Asembleia á fronte. Dou a impresión de só a un galego, consciente de selo, lle importaban aqueles visitantes.