Malpica de Bergantiños | A continuación reproducimos integramente o discurso do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2025 realizado desde Malpica de Bergantiños este 17 de maio.
“En Galicia as mulleres non soamente son poetas, senón tamén músicas naturais. En Castela, Portugal e outras provincias os homes son os que compoñen as coplas e inventan os tons ou aires, e así se ve que neste xénero de coplas populares falan os homes coas mulleres. No meu país, é ao contrario. Na maior parte das coplas galegas falan as mulleres cos homes, e é porque elas son as que compoñen as coplas e elas mesmas inventan os tons ou aires a que as han de cantar”.
A observación que acabo de citar débese a Martín Sarmiento, o primeiro erudito que valorizou o idioma e a cultura popular galega, e o precursor non só do galeguismo, senón mesmo das recolleitas de falares e de cantares do pobo. Deixouna escrita no seu tratado Memorias para la Poesía y Poetas Españoles, rematado en 1745. Neste mesmo estudo, comunicaba a descuberta da lírica trobadoresca medieval galego-portuguesa. Precisamente, o xénero poético máis singular desta, dentro do panorama lírico da Europa medieval, é a cantiga de amigo, composición posta en boca dunha muller. Aínda que os cantares de amigo que chegaron a nós foron compostos por trobadores varóns, sen dúbida reflicten unha antiguísima tradición autóctona de canto feminino, ben que reelaborada con moito requinte. Varias deles presentan escenas de mozas cantando, como acontece naquela do xograr Lourenço que comeza:
“Tres moças cantavan d’amor / Muy fremosiñas pastores /
Muy coytadas dos amores. / E dixo unha alí, miña señor: /
Dizede, amigas, comigo / o cantar do meu amigo”.
Outras cantigas están postas na voz dun coro de mozas que celebran as ocasións que lles ofrecen as romarías para a folía, como acontece nesta de Pero de Viviães:
“Pois nosas madres van a San Simón / de Val de Prados candeas queimar, /
nós, as mociñas, iremos a andar / con nosas madres, e elas entón
queimen candeas por nós e por si, / e nós, as mociñas, bailaremos alí.
Os nosos amigos todos irán / para nos ver, e andaremos nós
bailando ante eles, fermosas, en cós; / e nosas madres, xa que alá van,
queimen candeas por nós e por si, / e nós, as mociñas, bailaremos alí”.
Como acaba de lembrar o noso colega Xesús Alonso Montero, na obra auroral do Rexurdimento, Cantares gallegos —repárese no título—, Rosalía de Castro toma emprestada a voz dunha neniña que promete:
“cantarte hei Galicia / teus doces cantares, / que así mo pediron / na beira do mare. / Cantarte hei, Galicia, na lingua galega / consolo dos males / alivio das penas.”
Sabido é que Rosalía foi colleiteira de cántigas, como o foron o seu marido Manuel Murguía e a súa filla Alejandra. Eu mesmo editei o que queda da ceifa folclórica recadada pola poeta, e este mesmo ano a Academia ofrecerá da man de Diego Rodríguez a edición dos ricos materiais das Rimas populares gallegas que axuntou Manuel Murguía, o fundador e primeiro presidente da nosa institución.
A creación, recreación e transmisión da poesía oral foi cousa dunha “infinda moitedume de luciñas e vagalumes” que ao longo dos séculos, en palabras de Castelao, “crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, en fin, o feito diferencial de Galiza”. No discurso “Alba de Gloria”, que acabo de citar, o rianxeiro facía desfilar ante os nosos ollos unha comitiva das figuras maiores da nosa historia compoñendo unha “Santa Compaña dos inmortais”. Mais, di el, en canto esta se perdeu nunha foresta:
“vin xurdir da terra da nosa Terra unha infinda moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substrato insubornable da patria galega. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolles a tódalas cousas que na paisaxe se mostran o seu propio espírito. Elas son as que gardan e custodian os legados múltiples da nosa tradición, os xermes da nosa futura historia, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio.”
Imaxinemos agora que nesa Compaña desfilasen as figuras homenaxeadas o Día das Letras Galegas, comezando por Rosalía e o propio Castelao. Ao remate, encabezando a procesión das luciñas, irían en foliada as faíscas de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira e mais as Pandereiteiras de Mens. Elas representan —volvo ás palabras do gran rianxeiro— “o pobo, que nunca nos traizoou; a enerxía colectiva, que nunca perece”; “o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre”. Beizón para elas e para todas aquelas persoas e colectivos que, mediante a arte e o estudo, contribuíron a rescatar e arrequentar o legado da nosa tradición lírica popular!
Castelao, de quen estamos a celebrar o 75 cabodano, referiuse arreo ao pobo traballador como creador e custodio fiel, durante séculos, da cultura e da chave de ouro da identidade galega: o idioma. Lembremos aquel célebre parágrafo en que se preguntaba: “Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do Mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte.” Castelao cicelou moitas sentenzas esclarecidas sobre o idioma. Lembremos dúas máis:
1. “Ten Galiza un idioma propio? O pobo galego fala un idioma de seu. O galego foi instrumento marabilloso da grande poesía lírica medieval de Hispania. O galego é un idioma extenso e útil, porque —con variantes— se fala no Brasil, en Portugal e nas antigas colonias portuguesas. O galego rexurdiu no século pasado con poetas tan egrexios como Rosalía, Curros e Pondal. O galego é hoxe o idioma que prefiren os intelectuais como vehículo da nosa cultura. Pero aínda que carecera de tantos méritos contraídos, abondaríalle ser a fala do pobo traballador para estar dignificado de por si, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cidadanía e democracia”.
2. “Galiza ten dereito a dignificar a lingua que o seu propio xenio creou, porque é capaz de ser vehículo da cultura universal, porque lle serve para comunicarse cos pobos de fala portuguesa, porque non ten outra mellor para expresar os seus sentimentos e porque perdéndoa xa non lle quedaría ningunha razón de existir”.
A última cita convídanos a tecer unha reflexión sobre o presente e o futuro do idioma. Fai xusto un ano, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, fixo un chamamento a prol dun pacto pola lingua. A idea foi ben recibida e xerou unhas expectativas favorables. Meses despois os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística debuxaban un panorama alarmante. O idioma de noso perdera a súa posición secular de lingua máis falada no país.
Moi ao noso pesar, viamos confirmados os negros presaxios que fixeramos, ao denunciarmos o efecto negativo das medidas lingüísticas regresivas aprobadas pola Xunta de Galicia desde 2010. Neste contexto, a boa acollida da proposta dun pacto pola lingua abría un raio de esperanza.
Por desgraza, os discursos dos líderes políticos nos tempos recentes non aboan esa esperanza. A pesar disto, a nosa ilusión non se extingue. Mentres as expectativas sobre a política lingüística esmorecen, o idioma segue abrollando nas innúmeras iniciativas e campañas —especialmente da xente moza— para promovelo, defendelo e difundilo en escolas, pantallas e escenarios, nas rúas e nos medios de comunicación, nos comercios e nas oficinas, nas redes ou nos estadios deportivos. O exemplo luminoso das cantareiras, que fixeron foliada co idioma a través dos séculos, é seguido por moitas mozas, representadas hoxe aquí pol’As Tanxugueiras, que proxectan a nosa tradición cara ao futuro. Velaí, sen ir máis lonxe, o exemplo da xente de Bergantiños e de toda a Costa da Morte. Afouta xente da beiramar, orgullosa da súa nosa fala, que a conservou, a usa e a transmite contra vento e marea!
Para desatarmos os nós que atrapallan o galego precisamos mensaxes de entusiasmo, acompañadas de compromisos tanxibles, e sóbrannos os acenos reticentes e as accións facareñas. Precisamos saír de vez do bucle interminable das polémicas estériles e as retóricas ocas, alleas ao alento dunha cidadanía inqueda, que aspira a ver o idioma do país convertido nunha lingua normal. Unha cidadanía que quer gozar da liberdade e da posibilidade real de transmitir o galego de pais e nais a fillos e fillas, de usalo sen empezos nas aulas e de empregalo por quen desexe facelo en todos os ámbitos da súa vida persoal e profesional. Un idioma que queremos vivir tranquila e plenamente, con alegría e sen limitacións. O novo impulso para o galego virá dunha reformulación a fondo da política lingüística comprometida que poña a infancia e a mocidade no centro. Para pular por isto, a Real Academia Galega mantén sempre abertos os seus brazos á colaboración. Porque isto é tarefa de toda a sociedade e de todas as institucións, que ten que ter o goberno galego á fronte.
En nome da Academia, interpelo a todos os galegos e as galegas de ben e fago votos pola unión, alén de intereses de parte, á calor da “nobre e harmoniosa fala” da nación de Breogán, como dixo Eduardo Pondal, o vate destas terras e autor do noso himno. Volvo novamente a Castelao: “Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”. E remato citando o final dos Cantares de Rosalía: “Non me espliquei cal quixera / que son de esplicansa pouca / se ghrasia en cantar non teño / o amor da patria me afoga”. Dixen.
O Arquivo da RAG abre cos músicos da romaría de San Campio
O Arquivo da Real Academia Galega estrea nesta semana central das Letras Galegas 2025 unha serie na que escolma e comenta imaxes históricas relacionadas dalgún xeito coa poesía popular oral e as cantareiras, ás que a institución lles dedica a gran festa deste 17 de maio. A selección empeza cunha estampa de especial forza e beleza, inmortalizada por José Prieto Guerra a finais do século XIX na popular romaría de San Campio de Santo Ourente de Entíns (Outes). O posado, que comenta a académica Margarita Ledo, evoca o canto tradicional do pobo que está na cerna da celebración.
As pezas comentadas compartiranse na sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal. Todas elas forman parte do fondo arquivístico dixitalizado e dispoñible en aberto en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia.
Margarita Ledo salienta a disposición frontal e a nitidez da instantánea, na que as mulleres do centro da imaxe portan cadansúa pandeireta e o home parece disposto a empezar a tocar o violín. Semella pensada para unha carta postal e fala da condición de fotógrafo profesional do autor, diferente do amador ou da foto de artista. Canto aos instrumentos musicais e a roupa das persoas que Prieto Guerra retrata, “connotan a cultura campesiña” –creadora, xunto coa mariñeira, do cancioneiro– e tamén “a actividade festeira en troca duns poucos reais”. “Mais, de modo singular, esta foto míranos dende o corpo dunha clase social que pouco a pouco se vai afacendo á fotografía”, engade a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual. Ledo compara así os “ollos desconfiados das rapazas” coa “decisión na actitude da figura central, a muller que organiza o grupo mentres ao seu redor o elemento masculino deixa esvaer un certo sorriso para se representar”.
“De chegar esta imaxe da romaría en Santo Ourente algunhas décadas despois ás mans do Marcel Mauss, o pensador, case-sociólogo, que innova e vai cara ás marxes do método porque vive cativado polas sociedades tradicionais, de seguro que localizaría en cada aceno, nas dúas mozas que se tocan apenas os dedos, a transmisión dun xesto social canda a tentativa de que nós, ao ollar a foto, queiramos formar parte da escena; desa dobre existencia, física e imaxinaria, que está na fotografía como construción”, reflexiona Margarita Ledo.
Unha parroquia inmortalizada tamén nos e cos cantares
A imaxe de Prieto Guerra consérvase no fondo do académico fundador Eladio Oviedo Arce (Noia, 1864-1918), quen lle debeu de encargar outras fotografías na zona da ría de Muros e Noia en distintos momentos, de acordo coa documentación gráfica conservada no Arquivo da Academia e mais con correspondencia que intercambiaron. José Prieto Guerra realizou este retrato de grupo cara a 1890, na romaría de San Campio, Santo Ourente de Entíns, concello de Outes, que se celebra a finais do mes de setembro.
Tamén chamada romaría do mal cativo, a romaría de San Campio gozou, e segue a gozar, de gran sona en Outes e nos concellos veciños. E como suxire a estampa, a parroquia de Santo Ourente debeu de ser dende hai moito tempo berce de xente cantareira. A ela chegou en xaneiro de 1979 Dorothé Schubarth, á procura de melodías e cantigas populares que cantaron para ela, entre outros veciños e veciñas, María Mercedes, de 90 anos, Manola (58), Pelegrina (83) ou Beleiro (76), quen entoaron coplas coma estas:
San Campio é moi valente /que ten a ialma no ceo / i o corpo en San Orente; Romaría de San Campio / non che era para perdere / se Deus quere e non morro / para o ano hei de volvere; San Orente é boa terra / dun pino qu’había alí / fixen un barco de guerra / ai la la la ai la la / ai la la la la la ra la.
A etnomusicóloga suíza tamén lle recolleu en Santo Ourente a Marisol (64 anos) estoutra copla igualmente incluída no Cancioneiro Popular Galego que publicou coa colaboración do académico Antón Santamarina:
Malpica dos meus amores / o rei che quixo vendere / para mercar a Malpica / moitos cartos hai que tere.
O rexistro destes versos pode ser unha boa proba da popularidade alén da comarca dunha romaría á que tamén foron cantar as pandeireteiras de Mens, segundo indica José Manuel Fernández Pensado, Manel de Aturuxo, no volume As Vellas de Mens (Galaxia, 2025), dedicado ás cantareiras e tocadoras do concello de Malpica de Bergantiños nas que a RAG personifica a homenaxe destas Letras Galegas 2025 canda Rosa e Adolfina Casás Rama e mais Eva Castiñeira.