Castro Caldelas | Eladio Santos, subdelegado do Goberno, acompañou este venres a S.M. a raíña Sofía a unha visita a Castro Caldelas, unha das vilas máis bonitas de España. Xunto a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, o subdelegado reuniuse coa raíña no castelo e, posteriormente, visitaron a vila nun paseo amenizado pola Real Banda de Gaitas de Ourense e polo grupo Toxos e Xestas. Santos agradeceulle á raíña a súa visita a provincia de Ourense e felicitou á alcaldesa pola organización do acto.
Logo de percorrer as rúas empedradas do Cima da Vila que rodean ao Castelo da Casa de Alba, saudou as personas que enchian a Praza do Prado e visitou o santuario da Virxe dos Remedios.
A raíña, que pernoctara no parador de turismo de Santo Estevo de Ribas de Sil, fixo unha viaxe en catamarán polo río Sil.
Banco de alimentos
A raíña emérita Sofía presidiu o día anterior en Ourense clausura do Congreso Nacional da Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal), que abordou temas como a loita contra o desperdicio alimentario, a distribución equitativa e a colaboración entre organizacións benéficas para mobilizar recursos.
O presidente de Fesbal, Pedro Miguel Llorca Llinares, sinalou durante o encontro a necesidade de conseguir un maior impacto na sociedade: “A fortaleza do banco de alimentos reside nos voluntarios, que poñen paixón, e por iso conseguimos os obxectivos”.
Llorca Llinares explicou que as necesidades dos usuarios seguen sendo as mesmas. «Falamos da cesta da compra: produtos secos como arroz, lentellas garavanzos, leite… Os bancos de alimentos sempre traballamos cos non perecedoiros, que teñan un certo percorrido. Moitas veces as doazóns que nos dan teñen unha data de caducidade non inmediata pero próxima ao consumo preferente. Temos que aclarar que isto non é pernicioso, é unha oportunidade de recoller produto e de contribuír a frear o desperdicio alimentario», explicou. Puntualizou, con todo, que cando reciben subvencións apostan por produtos frescos como a carne ou o peixe.
Os bancos de alimentos traballan a cadea de produtos de pratos preparados, xa elaborados, que non necesitan frío. O perfil do usuarios segue sendo o mesmo e o problema da pobreza se cronifica. Por iso, un dos obxectivos que se marcan é axudar na inserción social e laboral. “Queremos que as persoas poidan formarse co apoio da federación, dos bancos de cada provincia, para que consigan habilidades que lles permitan acceder a un posto de traballo. É a mellor maneira de dignificar ás persoas”, subliñou.
A perda de 25 millóns de quilos da axuda de Fondos Europeos e a catástrofe da dana en Valencia foron os grandes desafíos dos bancos de alimentos no 2024. Aínda así, foron capaces de manter o compromiso cos vulnerables distribuíndo 111 quilos por persoa a través dunha rede de máis de seis mil entidades benéficas. Na actualidade, máis dun millón de españois sobreviven grazas ao traballo dos bancos de alimentos: 217.785 son menores de entre 3 e 15 anos e 33.569 son lactantes. O 63,57 % dos alimentos que reciben (115.563 quilos no 2024) proceden de excedentes. Foron un total de 73.463 toneladas destes produtos o ano pasado, a maior parte de grandes distribuidoras. Nas fotos, a raíña Sofía na súa visita a Castro Caldelas.