A RAG incorpora novos académicos

Trátanse de Ernesto González Seoane e Xosé María Gómez Clemente

A Coruña | Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) foi elixido na tarde de onte novo membro de número da Real Academia Galega. A institución decidiu, na sesión plenaria celebrada no pazo de María Pita, que o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela ocupe a vacante producida polo pasamento de Bernardino Graña. No mesmo encontro elixiuse académico correspondente o profesor de Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé María Gómez Clemente (Ourense, 1962).

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC no ano 1985, Ernesto González Seoane doutorouse en 1992 con premio extraordinario cunha tese sobre a codificación gráfica e gramatical do galego no século XX. A lexicografía e a estandarización do galego, xunto á explotación dos corpus lingüísticos nos últimos anos, son os tres campos que centran o seu labor investigador, vinculado sempre ao Instituto da Lingua Galega.

O filólogo é membro correspondente da RAG dende o ano 2004 e forma parte do seu Seminario de Gramática. Ao longo da súa traxectoria, realizou estadías docentes e científicas na City University of New York, a Universidad de Buenos Aires e a Georgetown University, e exerceu diversas responsabilidades de xestión académica como decano da Facultade de Filoloxía da USC (2004-2012) ou director do propio ILG (2013-2018). Na actualidade é vicerreitor de Profesorado da universidade compostelá.

Entre os seus traballos lingüísticos máis destacados destacan a coordinación do Dicionario de dicionarios do galego medieval (2006) e a coedición de obras colectivas como A estandarización do léxico (2003), A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas (2008), Lexicografía de las lenguas románicas (2014), Léxico dialectal y lexicografía en la Iberorromania , Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna (2020) ou o recente Manual of Galician Linguistics (2025).

Por parte, Ernesto González Seoane dirixiu ou participou no desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo. Foi director da versión 4.1 do Tesouro Informatizado da Lingua Galega, cuns 30 millóns de formas gráficas, lematizadas e anotadas con etiquetas morfosintácticas; codirixiu Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna e CORTEGAL, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, e participou na redacción do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués. Nos inicios da súa carreira, o académico electo foi membro de equipos de redacción dalgúns dos primeiros dicionarios e vocabularios terminolóxicos que se publicaron tras a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística (1983), como o Dicionario normativo galego-castelán (1988) e o Dicionario escolar galego (1989) da editorial Galaxia e mais o Léxico da administración castelán-galego editado pola RAG en 1991.

Xosé María Gómez Clemente
A Real Academia A Real Academia Galega decidiu tamén no pleno deste venres elixir a Xosé María Gómez Clemente como novo académico correspondente. Membro do grupo de investigación Tecnoloxías Aplicadas á Lingua Galega da Universidade de Vigo, o seu traballo céntrase no campo da neoloxía, a lexicografía e a terminoloxía, así como na aplicación das ferramentas informáticas ao estudo do galego. Dende 2024 é membro dos Seminarios de Lexicografía e Terminoloxía da RAG.

No campo da neoloxía, Gómez Clemente estudou a creación de novas palabras e expresións en galego partindo da súa recolla na prensa, deténdose en aspectos como a autonomía ou dependencia doutros idiomas ou a súa relación cos dicionarios. Parte dos seus 40.000 candidatos a neoloxismos incorporouse ao banco de datos sobre a neoloxía galega Neoteca, e serviu tamén de base para traballos lexicográficos baixo a súa coordinación como o Dicionario de neoloxismos (2005) e varias publicacións académicas.

Como terminólogo, colaborou en dicionarios e vocabularios especializados da Rede Panlatina de Terminoloxía e Neoloxía (REALITER) e no proxecto Termoteca da UVigo, traballou no Corpus Técnico do Galego e foi coautor do capítulo “Neology and Terminology” para o Manual of Galician Lingüistics (2025). Nos eidos da lexicografía, da lexicoloxía e da semántica, foi redactor do Dicionario de sinónimos (1997), corrixido e ampliado en 2015, e do Dicionario de sinónimos do galego, e membro da Rede de Lexicografía RElex (2012-2018). Na actualidade é membro do equipo de Galnet, iniciativa para integración da lingua galega na rede léxico-semántica interlingüística de WordNet. No campo da fraseoloxía realizou achegas como a centrada en Vicente Risco.

A xestión académica ten ocupado parte do seu labor universitario en distintos momentos. Desempeñou, entre outros, os cargos de secretario do Departamento de Filoloxía Galega da UVigo e o de secretario e vicedecano da Facultade de Filoloxía e Tradución, director da Área de Calidade (2014-2018) e secretario da Cátedra José Saramago da mesma institución. Foi ademais presidente da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011), promotora da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.