A RAG e PuntoGal entregaron os premios do VIII Concurso de Microrrelatos

Foron premiados nove contos nas modalidade de adultos, xuvenil e infantil

A Coruña | Suman en conxunto pouco máis de 2.500 palabras, pero din moito. Sobre o amor e o desamor, a memoria, o desexo e os desexos, a sororidade ou a forza da natureza e a fantasía. As historias seleccionadas polos xurados do VIII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal soaron na voz dos seus autores e autoras no acto de entrega dos premios que ambas as entidades celebraron esta mañá na Fundación Luis Seoane. Unha festa da palabra na que quedou probado, un ano máis, que en galego pode contarse o mundo enteiro a calquera idade.

A tesoureira da RAG, María López-Sández, e o presidente do PuntoGal, o tamén académico Manuel González, presidiron a entrega dos diplomas e galardóns do certame, no que se distinguiron nove microrrelatos de ata 200 palabras como gañadores e outros seis foron recoñecidos como finalistas. Na entrega tamén participaron os académicos correspondentes Xosé María Lema e Ana Romero Masiá, e mais a técnica de PuntoGal Cristina Ríos, integrantes do xurado das categorías infantil e xuvenil; e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, en representación do xurado de persoas adultas; así como Ana Cermeño por parte da revista Luzes, que colabora coa publicación no vindeiro número da súa edición en papel dos relatos gañadores e finalistas. Os nove contos premiados poden lerse ademais na edición dixital xa dispoñible na sección de publicacións de academia.gal, relatos.gal e dominio.gal.

As persoas premiadas e finalistas
O lugués Santiago Argüeso Galván (1997) recolleu o primeiro premio na categoría de persoas adultas por “O cadro”. Filólogo de formación, traballa nestes momentos nunha cadea de supermercados pero a súa vocación é a de docente e a escritura e a lectura están presentes no seu día a día. Damián Fernández Rodríguez (1986) fíxose co segundo premio por “Lagamei Lalo”. Nado en Ourense, medrou en Pontevedra e agora vive en Barcelona, onde traballa no ámbito da tradución, en procesos de calidade lingüística para empresas tecnolóxicas.

Tamén reside fóra de Galicia, en Varsovia, Rebeca Lema Martínez (1986), gañadora do terceiro premio con “Tan duro”. Con raíces familiares en Laxe, Lema Martínez naceu na Coruña, viviu en Vigo e Santiago de Compostela, e desde 2013 reside na capital de Polonia, onde exerce a docencia. En 2022 saíu do prelo o seu libro de relatos Historias de amor para nefelibatas e tamén escribe novelas baixo pseudónimo, unha delas xa publicada e outras dúas en camiño.

As finalistas da categoría de persoas adultas son Marisa Vidal Collazo (Corme, 1966), autora de “Seur”, e Sara Jul Rivas (San Cibrao, 1972), recoñecida polo xurado “F+G=0”. Ambas as dúas son docentes de secundaria. Marisa Vidal Collazo conta cun libro en solitario, Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV, publicou tamén coas Comadres das Letras e coas asociacións Encrucillada e Mulleres Cristiás Galegas, e a mención do xurado do concurso da Real Academia Galega e PuntoGal súmase aos recoñecementos que recibiu por outros relatos nos certames que organizan Buserana, o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia e a Biblioteca da Deputación da Coruña. Sara Jul Rivas apuntouse hai uns meses a un obradoiro de escritura con Antía Yáñez e foi así como se animou a concursar nesta convocatoria.

Na modalidade xuvenil as gañadoras do primeiro e do segundo premio son as veciñas de Guitiriz e alumnas do IES Poeta Díaz Castro Yanira Ansede Iglesias (2008) e Mencía Mencía Rodríguez Lorenzo (2009), polos relatos “No tempo esquecido” e “A chave”, respectivamente. María Conde Alba (2008), do Colexio Eirís, fíxose co terceiro por “A noite que nunca esquecerán”; e Anxo Rey López (2010), do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, e Itxaso Illarramendi González (2010), da Compañía de María de Vigo, foron recoñecidos como finalistas por “Esculcando na memoria” e “Éxtase”.

Na categoría infantil Ana López Canosa (2013), do CEIP Zalaeta da Coruña, mereceu o primeiro premio por “A negrura da noite”; Laura Álvarez Barrio (2013), do CEP Santa Mariña de Redondela, gañou o segundo con “O libro do tempo esquecido”; e Irene Suárez Rodríguez (2015), do CEIP das Mercedes de Lugo, o terceiro con “O murmurio da montaña”. Do mesmo colexio lugués é Airela Ónega Ferreiro (2015), finalista con “Desexos voadores”. O xurado tamén elixiu como finalista “Indisciplina planetaria”, de Xoel Villar Castro, que non puido asistir á celebración. Xoel gañou o terceiro premio na pasada edición dun concurso no que o seu colexio, o CEIP de Castrelo de Miño, colleitou outros dous galardóns nas edicións de 2023 e 2022.

A importancia da escola
María López-Sández e Manuel González salientaron nas súas intervencións a importancia dun concurso que promove a creación literaria entre persoas de todas as idades e puxeron o acento na participación da xente máis nova, na que radica o futuro da lingua. A tesoureira da Academia considerou un acerto a aposta polo relato curto, o “gran xénero literario da posmodernidade”, e sinalou a necesaria implicación dos centros educativos como espazos de promoción da lectura e da escritura creativa, como queda demostrado na sucesión de premios conseguidos por alumnado de colexios como o das Mercedes de Lugo e o de Castrelo de Miño, ou o IES Poeta Díaz Castro.

“Como di Guadalupe Jover, unha das grandes impulsoras no sistema educativo da promoción lectora e de creación de textos artísticos, se a literatura segue a ser materia troncal é por dúas razóns: porque contén a memoria para saber quen somos e a imaxinación para saber o que queremos ser”, expresou María López-Sández.

Manuel González referiuse ao concurso da RAG e PuntoGal como unha iniciativa totalmente asentada no panorama literario anual de Galicia e valorou a súa transversalidade temática, etaria e social, capaz de atraer “desde escritores consagrados, ata persoas que teñen unha escasa cultura libresca, pero si unha historia interesante que contar e a capacidade para expresalo artisticamente”.

“Pero é especialmente importante a participación das nenas e nenos e da mocidade, para que a escrita en galego e os vencellos afectivos coa nosa lingua se enraícen e alicercen con forza xa desde os primeiros anos”, concluíu.

Actualización don Nomenclátor de Toponimia
A Real Academia Galega celebra a aprobación por parte da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia da proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia. Tras este trámite, o documento redactado polos especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que recolle os nomes das entidades de poboación da Comunidade Autónoma deberá ser aprobado proximamente no Consello da Xunta para a súa entrada e vigor.

O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, foi o encargado de presentar a proposta esta mañá na xuntanza da Comisión de Toponimia canda outros académicos e persoal técnico da RAG. Previamente, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, compareceu ante os medios de comunicación xunto ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para informar das principais novidades. Con esta revisión, salientou Monteagudo, dáse un paso máis na normalización da toponimia galega.

“Os nomes de lugar teñen unha grande importancia mesmo para a identidade local, e é tarefa da Academia darlle a súa forma normativa, respectando, por suposto, as características dialectais de cada zona”, explicou. O presidente da Academia lembrou ademais que, segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e que lle corresponde á Xunta de Galicia a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG.

O informe incrementa substancialmente o número de topónimos rexistrados, que pasan de 41.409 a 42.909 entre nomes de concellos, parroquias e lugares. Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación, se ben a maioría, máis de 1.100, son nomes de aldeas non contempladas polo INE por teren moi poucos habitantes, pero que se incorporan á listaxe grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas.

Canto aos topónimos xa incluídos no Nomenclátor aínda en vigor, ata o momento o Seminario de Onomástica revisou case 4.400 e ditou un novo ditame para 2.624. A etimoloxía do topónimo, as atestacións escritas na documentación histórica, a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos ou o uso oral e escrito que a veciñanza fai do topónimo son algúns dos criterios lingüísticos tidos en conta polos especialistas para propoñeren unha serie de cambios que pretenden emendar os erros detectados no Nomenclátor de 2003. Moitos deles teñen que ver coa omisión de artigo e outro grupo importante restitúe a forma dialectal propia de cada lugar.

A gran maioría dos cambios corresponden a nomes de lugares ou parroquias, pero hainos que tamén atinxen nomes de concellos. Así o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós, o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, o mesmo acontece con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín, mentres que Castro Caldelas pasa a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo e A Cañiza é A Caniza. Hai ademais uns 300 nomes que se eliminan, moitos deles tras se comprobar que en realidade non son entidades de poboación diferenciadas, senón nomes de terras ou rúas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.