A plataforma “SOS Fonte de Troncoso” censura ao Concello de Mondariz Balneario por non limpar a fonte

Ante a afluencia de turistas en Semana Santa

Mondariz Balneario | A plataforma SOS Fonte de Troncoso quere censurar publicamente ao alcalde de Mondariz Balneario por non limpar nin adecentar este histórico manancial esta Semana Santa. Centos de visitantes de toda Galicia alóxanse estes días no hotel Balneario de Mondariz. Os agüistas aproveitan para visitar e coñecer o patrimonio natural e cultural da vila balnearia: os paseos fluviais, os xardíns histócios e o patrimonio arquitectónico que debemos á creatividade de arquitectos como Jenaro de la Fuente ou Antonio Palacios, que chegaron a Mondariz da man da familia Peinador hai máis dun século.

A Fonte de Troncoso é un edificio de propiedade municipal grazas á unha resolución do Xulgado do Mercantil nº 5 de Madrid do pasado 23 de novembro de 2020.

Cando os visitantes chegan á parte visitable deste manancial, a fonte propiamente dita, que está cuberta por unha marquesiña, os agüistas atopan unha instalación sucia, desatendida e cuberta de follaxe e barro.

Non é esa a imaxe que debe proxectar a vila balnearia en ningún momento, en particular durante os períodos vacacionais. Non atopamos explicación ao desleixo e abandono que sufre o patrimonio cultural de Mondariz Balneario.

 

Deber de conservación
As leis establecen a obriga dos propietarios/as de bens culturais a conservalos e mantelos en bo estado material, así como o deber dos concellos a ordenar a execución de obras cando o estado das edificacións non sexa o axeitado. Así, a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia establece no seu art. 25:

“1.- Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do Patrimonio Cultural de Galicia están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración.

2.- Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento do Patrimonio Cultural de Galicia.”

Xa que logo o Concello de Mondariz Balneario está obrigado por lei a executar as medidas necesarias para conservar en boas condicións todos os seus inmobles, máxime se estes están protexidos pola Lei do Patrimonio Cultural en virtude dos seus valores históricos e arquitectónicos.