• Segue conectado
  • |

A peor crise da Unión Europea.

Cumpríronse este sábado 60 anos da sinatura do Tratado fundacional da Comunidade Económica Europea, o precedente da actual UE. E, verdadeiramente, a Unión está a sofrir a peor das moitas crises polas que pasou ao longo deste tempo. Esta semana o Reino Unido pedirá formalmente a súa saída, mentres as eleccións francesas e xermanas paralisan calquera caste de decisión sobre o futuro da Unión.

Dende o Tratado da UE (1992) a unificación europea abandonou o pulo social e cooperativo dos pais fundadores, todos pertencentes ás tres ideoloxías da postguerra (socialdemócratas, democracia cristiá progresista e social liberais) que tentaron conciliar na Europa o mercado coa regulación das súas correccións en beneficio da mellor redistribución de rendas e igualdade de oportunidades.Dende Maastricht, pola contra, a Unión ratifica a súa aposta por unha gobernanza oligárquica e moi pouco democrática. Alicérzase a unión monetaria sobre un euro demasiado aprezado para as economías do sur e sobre un Banco Central Europeo como Autoridade Monetaria con plenos poderes alleos a calquera control parlamentario.

Mentres, os Estados membros usan da súa capacidade de bloqueo e frean calquera tentamento serio para avanzarmos na coordinación fiscal, na unión bancaria e no afortalamento de políticas comúns exterior e de defensa. Das Institucións comúns (Comisión e Parlamento Europeo) saen continuamente propostas de máis e mellor Europa no social, no I+D, na descentralización territorial e no uso eficiente dos Fondos europeos, no control bancario, no artellamento do Orzamento da Unión Europea como instrumento de cohesión social e territorial…Mais o bloqueo dos Estados membros atrasa, cando non anula ou desnaturaliza estes esforzos, ademáis de presentar diante de cadansúas opinións públicas os problemas da convivencia europea (políticias austericidas, crise dos refuxiados) como problemas xurdidos da propia Europa.

O que si funcionou nesta Unión foi a comunidade de Dereito, os seus Tribunais. Foron éstes os que construiron un marco de protección para os consumidores non recoñecido até entón na lexislación hipotecaria e financeira española, sempre favorábel á Banca. Polo menos no concreto caso do Estado español o Dereito europeo substituiu a parcialidade do Dereito español.

Esta crise europea vai obrigar decidir arre ou xo. O que non medra morre.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 28 Mar 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies