“A parte positiva da rede é fundirnos en comunidades afíns e deixar de vernos desde perspectivas individuais”

Andrea Maceiras | Escritora

Santiago de Compostela | Andrea Maceiras acaba de gañar o XV Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña coa obra Que se me pare o corazón se te esquezo. Andrea Maceiras é doutora en Filoloxía Hispánica e licenciada en Filoloxía galega. Actualmente compaxina o seu labor como docente de secundaria coa súa vocación literaria.

Sen facer spoiler, “Que se me pare o corazón se te esquezo” parece agochar un argumento moi distinto ao que promete o título.
A historia é dunha youtuber adolescente que, facendo un arriscadísimo reto viral para conseguir máis seguidores para as súas redes sociais, ten un accidente e morre. Logo a narración a dúas voces está relacionada cos riscos que asume moitas veces a mocidade en relación aos retos virais. Ademais diso, tamén se vai tecendo a relación entre os personaxes que protagonizan o relato e é unha acción onde caben lembranzas, amor e procura de identidade.

Viviches dalgunha maneira ese tipo de retos entre adolescentes para superar retos virais e que poden acabar mal?
Dalgunha maneira todos e todas estamos relacionados con sucesos semellantes porque as redes sociais xa forman parte das nosas vidas. Así, tanto adultos como adolescentes pretendemos dar a mellor imaxe de nós nas redes sociais, ao final é todo unha apariencia. Durante a adolescencia non se miden ben os riscos das accións e de aí penso que vén a incidencia desta problemática entre adolescentes. Se atendemos aos medios veremos moitas novas que poden acabar en desgraza.

Con este traballo teu queres dar advertencias aos adolescentes sobre algúns perigos das redes sociais?
Non como tal, si se evidencia algo que é de interese para os adolescentes, algo vital para eles, pois todos e todas vivimos inmersos no universo das redes. Con todo, na historia non só se evidencia a cara mala da Internet, senón que a rede aparece como un lugar de interconexión e de exposición de realidades consideradas ás veces pola sociedade pouco menos que tabú. Por tanto, tamén se pode ver o lado positivo da Internet como lugar onde as persoas comparten as súas problemáticas, as súas maneiras de ver a vida para non sentirse tan soas. Esa é a parte positiva para min da rede, fundirnos en comunidades afíns e deixar de vernos desde perspectivas individuais. Como exemplos temos os feminismos, o movemento LGTB e outras realidades que a Internet axudou a normalizar.

Podería ser Internet unha escola mellor que as aulas presenciais?
Digamos que está aí para ben e para mal, é unha ferramenta que dependendo como a usemos, ten esas dúas caras como case calquera outra realidade dentro da nosa sociedade. O relato por exemplo fala duns mozos e mozas sumidos neses retos de xogos virais e que son perigosos, mais ao tempo tamén tecen nexos a través da rede que finalmente serán elementos que os salven.

O xurado do Premio di na presentación da novela: “expón situacións duras fuxindo de formas panfletarias”. Como explicas esta descrición?
Eu explicaríao como que a literatura xuvenil é bo que aborde temas e problemáticas de adolescentes, todo isto tendo en conta a lucidez dos mozos e mozas, pois son perfectamente capaces de comprender o que se lles conta. Mais considero que se pode facer isto sen recorrer ao moralismo ou ao didactismo, senón a través das historias porque teñen un compoñente para pordermos saír da realidade. A miña intención con esta novela era abrir as portas da reflexión mais non desde a perspectiva propia senón como unha invitación a ver o mundo cun criterio persoal que se vai formando coas lecturas e neste caso, coa literatura infantil e xuvenil.

Sentes que os adolescentes son máis receptivos á narrativa en prosa que a ler poesía?
Pois é algo que se está debatendo ultimamente nas redes sociais. O público adolescente pode conectar prefectamente coa poesía, mais existe moito descoñecemento deste xénero entre a adolescencia. Quizais o fomento da lectura e dentro del a poesía, quizais sexa unha maneira de achegar este xénero á mocidade. A literatura infantil e xuvenil conecta directamente coa adolescencia e aínda así non é a única que le un adolescente, canto máis se lea mellor, mais deberan ser as primeiras lecturas destinadas a mozos e mozas. Con todo, o xénero xuvenil non debera ser reduccionista pois hai poesía marabillosa que pode enganchar a adolescentes e como docente sei de xente nova que goza coa poesía. Non considero a poesía un xénero alleo á mocidade.

Ser docente permitiuche observar o comportamento dos adolescentes tamén fóra das aulas?
É unha idade cun pensamento fresco e que comeza a mostrar o lado crítico, como que ten moitas posibilidades esa etapa vital. A miña experiencia dentro e fóra das aulas, sobre todo cando dou charlas, si enchen os meus coñecementos sobre esta etapa da vida. Son experiencias que che contan en primeira persoa dentro e fóra das aulas.

Como puideches adaptar a linguaxe adolescente, chea de moitos castelanismos e outas influencias, á linguaxe narrativa?
A historia ten diferentes rexistros, a maior parte relatada en primeira persoa mais hai unha alternancia entre os dous personaxes. Os rexistros recollen gravacións de vídeos, conversas através das redes ou do móbil. Creo que si é posible fundir eses rexistros informais cos máis literarios para darlle unha heteroxeneidade ao relato.

Seguindo coa túa tarefa de docente, observaches moitos cambios na linguaxe oral do alumnado?
Os adolescentes teñen un rexistro propio, nin é mellor nin é peor, mais si deberiamos saber e aprender que hai unha variedade ampla de rexistros, mais non todos son acaídos para determinados contextos. Para min esa é unha das grandes marabillas que ten a linguaxe, a multiplicidade de expresións a través de diferentes rexistros que se poden reflectir na escrita, aplicando cada unha á finalidade que lle corresponda.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!