A nova Biblioteca Municipal de Ponteareas sairá dun concurso de ideas

Promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Concello

Ponteareas | O Concello inicia o primeiro concurso de ideas promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia da historia do municipio e o proxecto que resulte gañador servirá para construír a nova biblioteca municipal. Para iso, a administración local vén de asinar un convenio de colaboración co Colexio nun acto no que participou a alcaldesa, Nava Castro, a edil de Urbanismo, Silvia Fernández, o decano do COAG, Luciano González e o presidente da delegación de Vigo, Manuel Martínez.

Con este convenio, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ofrece respaldo profesional a este proceso para garantir o seu correcto desenvolvemento. Ademais, o xurado que decidirá o proxecto gañador estará formado por especialistas do sector. Así, o traballo que consiga o primeiro posto no concurso recibirá un premio de 10.000 euros. Aquel que acade o segundo lugar, 7.500 euros e o terceiro, 5.000 euros. Ademais, outorgaranse dous accésit de 2.500 euros de cada un deles.

Para o deseño e a construción da nova biblioteca, que se localizará na actual Praza de Abastos, o Concello destinará un total de 3.000.000 euros. Trátase dunha cifra que sitúa a esta obra como unha das grandes actuacións do goberno municipal.

A nova Biblioteca Municipal, á vangarda das infraestruturas culturais
O obxectivo é situar ao municipio na vangarda das infraestruturas educativas e académicas mediante a modernización do concepto de biblioteca municipal. Deste xeito, o edificio contará con espazos habilitados desde os que se potenciarán a creatividade artística e a aprendizaxe continua. Ademais, o horario de atención ao público será de 24 horas os sete días da semana, facilitando o acceso á información e á cultura ao conxunto da veciñanza.

O novo edificio contará con diferentes espazos nos que os usuarios e as usuarias poderán estudar, consultar exemplares e revistas especializadas así como participar en actividades audiovisuais, académicas e mesmo inmersivas. Haberá tamén lugares específicos de lecer desde o que se incentivará a interacción social dos veciños e das veciñas.

Así mesmo, os nenos e as nenas terán espazos propios nos que realizar actividades lúdicas e didácticas de fomento da lectura, entre outras, e terá especial importancia as áreas destinadas ao estudo posto que unha das principais finalidades é aumentar o grao de confort dos alumnos e das alumnas á hora de preparar os seus exames no edificio municipal.

Cómpre lembrar que a nova biblioteca situarase preto do Conservatorio Municipal, onde se atopan as instalacións da Universidade Nacional de Educación a Distancia, polo que, xunto ao museo, constituirán un roteiro cultural e educativo no que os veciños e as veciñas poderán participar en diferentes actividades formativas ou de difusión do legado artístico e histórico do municipio.

A edil de Urbanismo, Silvia Fernández, apuntou que “iniciamos o primeiro concurso de ideas promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia da historia do municipio co que construiremos unha nova biblioteca municipal. A infraestrutura ofrecerá unha alternativa de ocio aos mozos e as mozas posto que será un espazo que vai máis alá dun sitio no que estudar ou consultar exemplares, trátase dun lugar no que poñer en práctica a creatividade que tanto caracteriza ao noso municipio, entre outras cuestións” e agradeceu ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia a colaboración co Concello.

O concelleiro de Educación, Ricardo González, puxo en valor a aposta do goberno municipal por ofrecer unha infraestrutura acorde ás necesidades dos alumnos e das alumnas da vila e indicou que “teremos unha biblioteca do século XXI, que contará coas instalacións necesarias para os mozos e as mozas do municipio”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “os veciños e as veciñas merecen un espazo no que desenvolver a súas aptitudes e que serva, á vez, como un lugar no que poder preparar os seus exames todos os días do ano” e lembrou que “apostamos por unha vila na que a educación sexa o motor transformador e para iso levamos adiante colaboracións como a que hoxe firmamos, é aí onde teñen que estar as administración públicas”.

O decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, apuntou que “estamos seguros que deste concurso sairá un proxecto de primeiro nivel e que será exemplo para outros municipios tanto a nivel local como nacional” e sinalou que “a transformación da Praza de Abastos é unha oportunidade única para levar a cabo un proxecto que inclúe a reciclaxe e un novo uso dun edificio, este será o camiño do futuro”.

Ordenanza para a xestión e limpeza de fincas
O Concello aproba a ordenanza reguladora para a xestión e limpeza de fincas e montes co obxectivo de reforzar as tarefas de prevención dos incendios forestais no municipio. Deste xeito, axilizaranse os trámites para que as fincas que se sitúan preto de vivendas ou do solo de núcleo urbano, núcleo rural e urbanizable non conten con especies pirófitas e estean libres de restos forestais antes do 31 de maio de cada ano.

Coa nova ordenanza, que xa publicou o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, a administración local levará a cabo as tarefas de limpeza e mantemento das fincas no caso de que as persoas propietarias non realicen os traballos de xestión e acondicionamento.

Toda vez que finalice o prazo legal previsto, a administración local iniciará os labores de limpeza nas fincas con medios propios ou a través da súa contratación. O Concello notificará ás persoas propietarias o custe dos traballos e procederá ao seu cobramento, que poderá ser anticipado, así como á tramitación da correspondente sanción administrativa.

Neste sentido, a área de Medio Ambiente lembra que as especies pirófitas que non poden estar presentes nas fincas que se sitúen a menos de 50 metros de vivendas e núcleos urbanos ou rurais son, por unha banda, os eucaliptos, piñeiros e acacias e, por outra banda, a maleza formada por silveiras ou xestas, entre outras.

A concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández, indica que “damos cumprimento a unha demanda da veciñanza en canto á xestión e limpeza das fincas posto que creamos unha ordenanza específica que nos garante que os terreos se atopen nunhas boas condicións de salubridade e seguridade” e insiste en que “a nosa prioridade é reforzar as tarefas de prevención dos incendios forestais para protexer as vivendas e as infraestruturas así como os equipamentos sociais e áreas naturais de valor especial”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.