“A nosa toponimia é especialmente rica, a variedade dos nosos nomes e as motivacións que hai detrás deles”

Vicente Feijóo | Coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e da aplicación Galicia Nomeada

Vicente Feijóo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e da aplicación “Galicia Nomeada”, percorre o país mostrando como participar da aplicación para ir recollendo microtopónimos dos diferentes Concellos. Detrás de cada topónimo hai unha historia que, seguramente, reborda o propio nome do lugar achegando datos totalmente descoñecidos mesmo para quen vive nese espazo.

“Co proxecto “Galicia Nomeada” (…) buscabamos recoller a micro-toponimia (…) e toda esa riqueza que temos en Galicia”

Como nace “Toponimízate”, cales eran as necesidades detrás desta iniciativa?
Por unha parte temos o proxecto “Galicia Nomeada” que puxemos en marcha xusto antes da pandemia. Con el, de maneira colaborativa, buscabamos recoller a micro-toponimia das leiras, fontes, peneiros, cons e toda esa riqueza que temos en Galicia e podemos dicir que nese aspecto somos únicos, en Europa polo menos. Logo está a campaña “Topoinimízate” que é outra maneira de facer visible o proxecto e que a xente se anime a participar nel. Esta campaña deseñámola para que cada ano, e xa levamos cinco, chegamos a dezaseis concellos, catro por cada provincia, tivemos que parar o ano da pandemia. Chegamos a máis de sesenta ou setenta Concellos.

Tentamos ir aos Concellos onde non fixemos o traballo de recolleita durante os anos de actividade do programa “Toponimia de Galicia” entre 2000-2011. Este ano fomos a Concellos en que realmente é moi urxente recoller esta información pois dentro de pouco non haberá quen dea esa información, pois todos somos conscientes do despoboamento do rural. Por tanto, temos a urxencia de recoller os nomes deses lugares que a xente maior sabe.

En que consisten as charlas que se imparten?
Chego aos Concellos e dígolles que temos unha riqueza excepcional aquí en Galicia pois moitos nomes só existen na oralidade, non están escritos nun documento. Esta toponimia leva con nós máis de vinte séculos, pois temos toponimia prerromana moi antiga, e que por causa da transformación dos modos de vida estase perdendo. Como podemos evitalo? Para iso está o proxecto “Galicia Nomeada”, a plataforma colaborativa que podemos usar desde un computador ou desde un móbil ou unha tablet.

O meu obxectivo é que este sexa un proxecto interxeracional porque somos conscientes que as persoas maiores coas novas tecnoloxías non se vai manexar ben, mais si os seus netos e fillos, que poden manexar móbiles e aplicacións, así eles poden preguntarlle o nome das leiras aos avós. Un exemplo que poñemos é un aplicado en varios colexios, un neto vai co avó ou avoa e pregunta o nome dos terreos e subir na plataforma unha fotografía aérea e o nome nun momento. O mesmo cun penedo ou lugar e gravar como se pronuncia o nome dese lugar con todos os fenómenos lingüísticos do galego.

Dentro destes pequenos topónimos, tedes deducido a orixe dalgúns destes nomes?
Esa é outra das características que fan da nosa toponimia especialmente rica, a variedade dos nosos nomes e as motivacións que hai detrás deles. Os nomes están por algo, pois os nosos antepasados usaban palabras transparentes que para nós ao mellor xa non o son. Servían para describir a paisaxe ou multitude de temáticas, como o tipo de terreos, solos ou cultivos, como son os liñares ou os trigás. Logo o tipo de terreo, pedregal ou lameira. Era como unha maneira de describir a paisaxe por iso son tan ricos os topónimos, porque podemos descubrir como era a paisaxe hai moitos séculos atrás precisamente polo que significan os topónimos.

Logo están os topónimos por animais, Lobeira, Aguieira, A Gulpilleira, Tanxugueiras, o nome do grupo, fai referencia ao teixugo (porcoteixo). Logo os microtopónimos máis abundantes son os referidos a plantas como árbores, A Carballeira, O Carballal, A Pereira e todo tipo de plantas O Carrizal, Zaramagoso porque había saramago, Unzal, porque había uces. Tamén hai moito atropónimo, nomes de persoas. Moitas das nosas aldeas, vilas e cidades teñen nomes sacados de persoas. Verín, o fundador era un home chamado Verinus, Vila Verini. Moitas das nosas parroquias e aldeas fundáronse porque montaba unha casa de campo un señor cos seus criados e tiña as súas explotacións. A fórmula para nomear era através do xenitivo. Por exemplo, Marzán, era a vila dun señor chamado Marcianus, moitas eran de orixe xermánica como os acabados en “sende”, “mil” Castromil ou Samil, eran de posuidores de orixe xermánica. Tamén hai nomes relacionados cos seres míticos e as crenzas relixiosas ou crenzas pagás, a Fonte Sagrada, Pena dos Mouros ou a Pena dos Encantos.

Isto leva á tradición oral, contos e lendas arredor deses lugares.
Si, porque este proxecto non só quere recoller os topónimos, senón toda a tradición oral que hai arredor deles, pois é algo que se está perdendo porque xa non se vai transmitindo de xeración en xeración.

Por outra parte tamén está a pronunciación dos topónimos que co tempo ao mellor se transformaron na tradición oral.
No Seminario de Onomástica e na Comisión de Toponimia da Xunta, da que formo parte, moitas veces temos un problema no momento de oficializar os topónimos. Co paso do tempo, co uso, foron cambiando a pronunciación. Entón, cando oficializamos un topónimo coa raíz orixinal, porque encontramos documentación da Idade Media ou máis antiga, ou porque sabemos cal é a forma etimolóxica, moitas veces vemos que non coincide coa forma usada pola xente hoxe en día. Isto ás veces trae como un enfado ou rexeitamento da xente porque lles modificamos o topónimo.

“No Seminario de Onomástica e na Comisión de Toponimia da Xunta (…) moitas veces temos un problema no momento de oficializar os topónimos”

Por iso, moitas veces temos que explicar, por exemplo, As Gulpilleiras, o topónimo etimolóxico é “golpelleiras”. O golpe era o raposo, este nome úsase aínda en parte de Lugo e por exemplo, en Ourense non saben deste nome para o raposo. Mais cando recollemos toda a microtoponimia seguimos vendo que por toda Galicia hai lugares chamados “gulpilleiras”. Isto significa que cando naceu ese topónimo, “golpe” era un nome que se usaba en toda Galicia. Entón, cando normalizamos o topónimo como “Golpelleiras” hai xente que non está de acordo e envía queixas sobre determinados topónimos. A toponimia é moi bonita mais tamén é algo moi delicado.

Cales son os resultados que está ofrecendo o proxecto “Galicia Nomeada” e a campaña “Toponimízate”?
É un proxecto cun grande éxito, con case 3.000 persoas dadas de alta na plataforma. Tamén se recuperaron topónimos, non tanto no interior, mais na costa temos áreas traballadas que demostran que a toponimia do mar é máis complexa. No mar os mariñeiros tiñan as súas pedras onde pescaban e cada familia tiña o seu nome para as pedras ou para as leiras do mar, onde se mariscaba. Estes nomes só os coñecen moi poucas persoas. Así, no Visor temos ao dispor da xente medio millón de microtopónimos e en Galicia Nomeada temos 50.000 topónimos recollidos. Os demais veñen da época en que estivo activa Toponimia de Galicia (TPG).

Por outra parte, o proxecto ten que ser interxeracional para recoller os topónimos e para iso organizamos as charlas, a xente acode cando se anuncia ben polos concellos e, á parte de presentarlles a plataforma, tamén lles falo das orixes dos nomes de parroquias, aldeas, lugares e iso é algo que lle gusta moito ás persoas que asisten ás charlas.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.