A ‘normalización’ das ‘novas guerras’.

Se botamos man diariamente dos medios, impresos ou dixitais, parecera que vivéramos nunha perenne situación prebélica. E non me refiro unicamente ao caso de Ucraína, eixe vector de irradiación das actuais tensións prebélicas que están dominando o panorama internacional. Dende Taiwán ata Cósova, os “falcóns” e “necons” de novo e vello cuño, de toda índole e procedencia, están movendo os fíos dunha política global orfa de liderados de altura.

Non imos comezar con Ucraína, tema xa varias veces tratado neste espazo pero cuxo conflito atópase militarmente atascado. Outra cousa é a contorna xeopolítica. Preciso é enfocar en Taiwán, un Estado de facto non recoñecido oficialmente pola ONU pero á que a República Popular China reclama a súa soberanía baixo a perspectiva “dunha nación, dous sistemas”.

A visita á capital taiwanesa Taipei da presidenta do Congreso estadounidense Nancy Pelosi augura tensións in crescendo entre China e EE.UU que lembra o contexto ucraíno antes da invasión militar rusa do pasado 24 de febreiro. Pertinente tamén é preguntarse o por qué desta visita. Era realmente necesaria? Ou é un efecto disuasivo (ou de provocación) por parte de Washington cara China? Aínda que oficialmente non a recoñece como Estado soberano, Washington observa a Taiwán como un “Estado-tapón” estratéxico para conter (e irritar) a China. Algo similar ao que é Ucraína para Washington con efectos disuasorios similares co respecto a Rusia.

“O actual contexto de Taiwán en agosto de 2022 lembra dalgún xeito o ocorrido antes entre Rusia e Ucraína”

Beijing xa protestou airadamente esta visita de Pelosi cunha resposta inusualmente agresiva pero obviamente tamén en chave disuasiva. Como fixo Putin co respecto a Ucraína no contexto previo á invasión. Toda vez, EE.UU sabe que o conflito taiwanés é chave para dirimir a súa confrontación con Beijing principalmente no sueste asiático e Asia Oriental, trazado recentemente a través de alianzas como o AUSKUS con Australia e Gran Bretaña e outras iniciativas rexionais claramente deseñadas para cercar a China. Con matices e á espera das respectivas reaccións, o actual contexto de Taiwán en agosto de 2022 lembra dalgún xeito o ocorrido antes entre Rusia e Ucraína entre xaneiro e febreiro pasado, previo á invasión militar.

Neste intre, compre observar dous escenarios recentemente moi esquecidos polos grandes mass media pero que, no seu momento, neste caso dúas décadas atrás, eran o centro de atención global: Afganistán e Iraq. A recente operación secreta de Washington en Afganistán para asasinar ao actual líder de Al Qaeda, Aywan al Zawahiri, lembra o acontecido en 2011 con Osama bin Laden.

Como se sabe, al Zawahiri foi o sucesor de bin Laden, designado de facto por unha serie de faccións dunha rede xihadista que desde fai anos non se ten coñecemento dela cando antes era o “inimigo Nº 1” de Occidente. Hoxe eses inimigos son outros, Rusia e China, tal e como vimos no recente cumio da OTAN en Madrid. Cun Afganistán dominado polo retorno Talibán ao poder trala vergoñenta retirada militar estadounidense de fai un ano, a administración Biden precisaba pór fin a unha etapa, a acontecida desde 2001 cos atentados das Torres Xemelgas (alguén lémbrase xa diso?) e a posterior paranoia existente coa “guerra global contra o terrorismo” lanzada no seu momento por George W. Bush.

Pasemos agora a Iraq, a outra ‘estrela mediática’ tras Afganistán en 2001, en particular coa invasión ilexímita do “trío das Azores” en 2003. Dende entón, Iraq é practicamente un “Estado fracasado”, sen estabilidade e dividido territorialmente (curdos ao norte, sunnitas en Bagdad e arredores, xiítas pro-iranianos na maior parte do país) Estes días, os seguidores do líder xiíta Moqtada al Sadr (durante anos sinalado por Occidente como a peza iraniana en Iraq) están protestando fronte ao Parlamento en Bagdad esixindo a caída do actual goberno.

“Como Rusia na Ucraína e China en Taiwán, Iraq semella ser a peza xeopolítica estratéxica para a República Islámica de Irán”

Como Rusia na Ucraína e China en Taiwán, Iraq semella ser a peza xeopolítica estratéxica (e tamén disuasiva) para a República Islámica de Irán á hora de gañar esferas de influencia e de poder en Oriente Próximo. Toda vez, Biden decántase por propiciar unha alianza rexional antiiraniana con Arabia Saudita e Israel, tal e como se viu na súa recente xira. Pero non é só en Oriente Medio onde este eixe euroasiático ruso-turco-iraniano-chinés traza as súa liñas para preocupación do Occidente “atlantista” (ou “otanizado”, Biden dixit) Tamén faino no hemisferio occidental, en pleno “patio traseiro” de EE.UU, neste caso en Venezuela.

Non debemos esquecer que mentres Biden viaxaba a Tel Aviv e Riad, Putin facía o mesmo cara Turquía e Irán, dous aliados xeopolíticos deste eixe euroasiático que hoxe claramente vaise deseñando xunto con China e outras iniciativas (BRICS, Organización de Cooperación de Xangai) para desafiar unha hexemonía occidental atlantista liderada por Washington pero cada vez máis cuestionada.

E aquí é pertinente poñer o foco en Turquía. A apertura de portos ucraínos para exportar alimentos cara África e Asia ten en Turquía un actor chave. Hai que tomar en conta que Rusia e Ucraína acordaron días atrás esta apertura de portos, o seu primeiro acordo de negociación desde que comezou a guerra. E ese acordo non veu dende Occidente senón dende o eixe euroasiático ruso-turco.

O actor chave aquí é Turquía, membro estratéxico da OTAN pero nos últimos tempos máis orientado (con matices e non menos roces) de cara ao eixe euroasiático ruso-chinés-iraniano. O cereal e trigo que saia dos portos ucraínos para alimentar a africanos e asiáticos será supervisado en Turquía. Acaso detrás disto non hai un acordo tácito entre o presidente turco Erdogan e Putin para consolidar un eixe ruso-turco cada vez más afinado dende o Mar Negro ata o Mediterráneo, unha especie de novo Mare Nostrum para Moscova e Ankara? Moi posiblemente. E acaso Occidente non observa con preocupación como ese eixe euroasiático ruso-turco cobra forza en escenarios sensibles para a seguridade global? Tamén.

Atención ao tema porque se ben Turquía desbloqueou o seu veto á admisión de Suecia e Finlandia á OTAN tras acordar en Madrid aspectos que teñen que ver coa causa curda, dor de cabeza para os turcos, tampouco sería descartable que así como Putin non tivo reparos en invadir Ucraína e China levanta cada vez máis o seu ton co respecto a Taiwán, Turquía non faga o mesmo no Norte de Siria para aplastar militarmente esa expresión autoxestionaria curda na rexión de Roxavá. E como queda a OTAN neste caso? Actuará contra un país membro como Turquía?

E finalizamos este estrano periplo prebélico en Cósova, como Taiwán outra república de facto non recoñecida pola ONU pero na que a OTAN iniciou en 1999 a súa primeira intervención militar da historia, neste caso contra Serbia, hoxe independente pero entón aínda integrada nunha Iugoslavia ‘de mínimos’ baixo mandato de Slobodan Milosevic. Serbia reclama a súa histórica soberanía sobre Cósova. Un símil (e insisto nos matices) do que Putin ve en Ucraína e China en Taiwán.

Dende 1999, a OTAN fixo de Cósova unha peza chave para a súa seguridade no Mediterráneo, hoxe aparentemente ameazada pola anteriormente mencionada alianza euroasiática actualmente motorizada dende Moscova. Pero Cósova, que declarou a súa independencia en 2008, é unha especie de “Estado-fracasado”, lastrado por mafias e crises institucionais. O cal evidencia tamén o fracaso da OTAN para “reconstruír nacións”, como xa vimos no caso de Afganistán e (quen sabe) se mañá o volverá a facer no que queda de Ucraína.

“Dende 1999, a OTAN fixo de Cósova unha peza chave para a súa seguridade no Mediterráneo”

Nestes días volveron as tensións entre Serbia e Cósova que auguran unha posible escalada militar. Un dato: na crise ucraína, Serbia demostrou a súa tradicional alianza con Rusia, con masivos apoios e mobilizacións cidadáns que non se viran en ningún outro país. Por iso, EE.UU, a OTAN pero tamén a Unión Europea (Pedro Sánchez acaba de realizar unha inédita xira balcánica) queren sacar aos Balcáns desa esfera de influencia rusa vía Serbia.

En 1999, Turquía, como membro da OTAN, apoiou a independencia cosovar enviando incluso militares, pero o contexto actual é diferente, tomando en conta o achegamento ruso-turco. Non obstante, e a diferenza de Ucraína, en Cósova hai tropas da OTAN, un factor a tomar en conta porque desequilibraría a balanza de forzas. A Alianza Atlántica definiu no seu recente cumio en Madrid que Rusia é a súa ameaza actual e China será o seu principal desafío no futuro. Lles soa de algo esta música? Como en casos anteriores, podemos falar de posibles provocacións colaterais por parte da EE.UU e da OTAN para frear calquera expresión extensiva deste eixe euroasiático? Non é por tanto casualidade que estas tensións cosovares se quenten a tenor da ‘nova orde mundial‘ (se dalgún xeito podemos chamalo así) derivado da guerra en Ucraína.

Nun artigo anterior comentei que, coa guerra en Ucraína, Putin demostrou que Huntington tiña razón por riba de Fukuyama. Que non é o ‘fin da historia’ senón o retorno dela. E nese retorno gañan os “falcóns” militaristas neste mundo post-pandémico (pódese seguir realmente falando disto?) que augura tensións prebélicas á espera de que esas tensións logren facerse realidade en guerras ‘de verdade’.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.