A xeopolítica da fame.

Dende comezos de xuño, a FAO ven advertindo dunha inevitable crise alimentaria, con especial incidencia no mundo árabe e África. Os países árabes, grandes consumidores de trigo e cereais, importan o 50% deses rubros precisamente de Rusia e Ucraína. O presidente de Senegal e da Unión Africana, Macky Sall, visitou recentemente Moscova para pedirlle a Putin que deixe exportar trigo e cereal dende portos ucraínos.

En Kiev acusan a Putin de cargar buques con trigo e cereal ucraíno, presuntamente ‘robado’, saíndo do porto de Mariupol baixo control ruso. Tamén acusan a Putin de utilizar a fame como arma política, rememorando o tristemente célebre Holodomor, o “exterminio por fame” utilizado por Stalin en 1932-33 coa colectivización forzada no campo soviético, e que deixou millóns de mortos en Ucraína e o sur de Rusia.

O ‘pantasma’ dunha crise alimentaria global planea no ambiente toda vez a guerra ucraína vaise cada vez máis enquistando e dividindo territorialmente de facto a ese país. Os líderes da UE xa decidiron abrir a futura admisión de Ucraína dentro dunha década, buscando afastala definitivamente da órbita rusa. O contexto semella máis ben augurar un posible reparto de Ucraína entre Occidente e Rusia, con todos as súas riquezas naturais.

“O ‘pantasma’ dunha crise alimentaria global planea no ambiente toda vez a guerra ucraína vaise cada vez máis enquistando e dividindo territorialmente de facto a ese país”

Mentres Occidente vive a crise enerxética e a alza da inflación, o mundo árabe e África comeza a sentir os embates da crise alimentaria derivada da escaseza de subministros, ben sexa polas distorsións económicas globales da pandemia e polo incesante avance do cambio climático, factores agora agravados polo bloqueo exportador nos portos do Mar Negro e de Azov.

Incluso destaca tamé unha tempada de malas colleitas en China e India, os países máis poboados do planeta, derivadas das inundacións. Toda vez, escasean os fertilizantes (Rusia é tamén un alto produtor mundial). As previsións alimentarias son sombrías para o período 2022-2023.

Incluso especulan con que esta crise alimentaria podería motivar cambios políticos vía unha nova Primavera árabe como a acontecida en 2011. Precisamente, a ‘faísca’ revolucionaria no mundo árabe comezou ese ano en Tunisia pola alza dos prezos do trigo. Pero o panorama actual é diferente. As elites árabes e africanas, cos seus aliados exteriores, lograron “domesticar” esas ansias de liberdade e democracia apostando por reformas cosméticas e a sempre ‘eficaz’ represión.

Por outra banda, Putin precisamente logrou vertebrar redes de alianzas no mundo árabe e africano que agora se revitalizan prometendo asegurar o subministro alimentario. Compre observar que a maioría dos países árabes e africanos amosaron sintonía cos intereses rusos na guerra ucraína, sexa polo apoio directo ou apostando pola neutralidade.

Con todo, é lexítimo preguntar: estamos quedando sen stocks que propicien unha inminente crise alimentaria? Ou máis ben este ‘espectro’ supón unha medida de presión por parte dalgúns actores (Rusia, Occidente) á hora de alcanzar condicións máis propicias para os seus intereses xeopolíticos e económicos? Acaso os poderosos lobbis agro-industriais en EEUU e Europa non están expectantes, agardando a súa oportunidade, ante esta disrupción no subministro aos mercados motivado polo bloqueo exportador da guerra ruso-ucraína? Como sucede co asunto enerxético ante as sancións occidentais ao petróleo ruso e agora a crise con Alxeria, non están tamén especulando os produtores estadounidenses para vender os seus excedentes, tanto enerxéticos como alimentarios, a prezos exhorbitantes, propiciando un ‘neo-colonialismo’ económico?

“Acaso os poderosos lobbis agro-industriais en EEUU e Europa non están expectantes, agardando a súa oportunidade?”

Estas distorsións nos mercados, pode propiciar algunha oportunidade para América Latina, tamén produtor desas materias primas necesarias, que lles beneficie cun inesperado boom económico? Ou tentará Washington manobrar aquí tamén para sacer beneficios xeo-económicos?

Polo visto, a fame é tamén unha arma da xeopolítica.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.