Redondela | A exhibición durante o recente Festival de Cinema de San Sebastián do filme “San Simón” realizado polo director Miguel Ángel Delgado colocou á illa de San Simón (Redondela) na actualidade informativa, particularmente en materia de memoria histórica, tomando en conta a súa existencia como campo de concentración entre 1936 e 1943.
A comezos de setembro, o Goberno de España declarou a San Simón como Lugar de Memoria Democrática. Na illa de San Antón, separada de San Simón polo denominado “Ponte dos Namorados”, existe un Centro de Interpretación que permite conservar documentación histórica así como exhibir exposicións sobre o seu pasado histórico.
O acervo histórico da illa de San Simón ten longa data. O poeta medieval Mendiño lle dedicara versos nas súas cantigas toda vez templarios, franciscanos e benedictinos tamén deixaron testemuña da súa presenza. O escritor francés Julio Verne escribía no seu clásico “Vinte mil leguas de viaxe submarino” a presunta existencia dun tesouro no galeón afundido fronte á illa trala batalla de Rande. En recoñecemento, Verne ten unha estatua fronte á illa no areal de Cesantes.
Pero San Simón é tamén punto de encontro para a creatividade, o pensamento, a arte e a reflexión. Nesta perspectiva, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia puxo en marcha a III edición da Residencia de Creación Literaria San Simón con especial énfase na produción literaria en galego e a conservación da respectiva propiedade intelectual.
Un total de 24 persoas estiveron na residencia Stella Maris da illa de San Simón, con estancias de tres quendas realizadas entre o 19 maio e o 19 de outubro, con períodos de estadía de entre unha semana como mínimo e unha quincena como máximo, para traballar en diversos proxectos literarios, cinematográficos e de ensaio histórico. Entre eles estiveron creadores como Carlos Labraña, Jorge Coira, Araceli Gonda, Francisco Javier Fernández, Francisco Valeiras, Carlos Lixó, Nuria Díaz, Alba Tomé, Eire García, Sara Villar e Daniel Gutiérrez.
Ademais, entre o 30 de setembro e o 5 de outubro, a estancia permitiu a realización dun obradoiro de poesía, a XIII edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador”, a cargo da aclamada poeta Yolanda Castaño, en na que participaron Radu Vancu, de Romanía; Petar Matovic, de Serbia; Nadia Mifsud, de Malta; Andrea Cote, de Colombia; Martí Sales, de Cataluña, e o galego Jesús Castro Yáñez.
Está igualmente previsto ata o 27 de outubro a realización doutro obradoiro, a V Residencia Artística de Ilustradores “Nortear Ilustrado San Simón” que reunirá a artistas de Galicia e Norte de Portugal baixo a colaboración da AECT Galicia-Norte de Portugal, a Xunta de Galicia e a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal.
Deste xeito, combinando formación, diversidade de xéneros literarios e artísticos e un entorno paisaxístico ideal, estes obradoiros de creación literaria e artística en San Simón encamíñanse a conformar un modelo propio tanto a nivel ibérico como internacional, confirmando a Galicia como un referente de creatividade artística e documental.