Salvaterra de Miño | As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de outubro, os pregos están publicados na plataforma de contratación do estado Despois da sinatura do novo convenio de colaboración entre os Concellos de Arbo, Salvaterra de Miño e Crecente para a prestación do servizo de Atención Temperá e o cambio de concello cabeceira o Concello de Salvaterra de Miño licita o novo contrato para a prestación do Servizo.
A Atención temperá definese no Decreto 183/2013 como un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o seu desenvolvemento, a súa autonomía persoal e a inclusión social.
Desde os servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.
Dende esta perspectiva, os servizos de atención temperá deberán entenderse como unha rede integral de responsabilidade pública de carácter universal, descentralizada e próxima á cidadanía, rexida ademais polos principios de igualdade, coordinación, atención personalizada, integración social, interese superior do/a menor, prevención, gratuidade, autonomía persoal e participación, interdisciplinariedade e alta cualificación profesional, diálogo e participación familiar e calidade.
Ademais garántese que exista unha “coordinación e corresponsabilidade entre os sistemas de saúde, educación e servizos sociais na procura dunha acción integral destinada a satisfacer as necesidades das nenas e nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos e das súas familias así como a súa prevención”. Esta coordinación interinstitucional é imprescindible para a mellora da calidade destes servizos creando e consolidando unha rede de recursos que facilite a igualdade de acceso ás familias de toda Galicia.
Este servizo, de acordo establecido no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais, para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, deberá comprender as seguintes prestacións:
.- Diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento,
.- Desenvolvemento psicomotor,
.- Desenvolvemento cognitivo,
.- Desenvolvemento da linguaxe e comunicación,
.- Desenvolvemento da autonomía,
.- Desenvolvemento da área social e afectiva, .
– Apoio, información, habilitación e formación da familia.
O Servizo de atención temperá estará situado en cada un dos concellos participantes, en instalacións debidamente acondicionadas para tal fin, estando o mantemento do mesmo a cargo de cada un deles. Entendendo que esta opción na que o equipo profesional se despraza a cada concello supón unha mellor atención aos usuarios e as súas necesidades. A prestación deste servizo realizarase dende o día seguinte á data de formalización do contrato, respectando os días festivos marcados no calendario laboral.
O servizo desenvolverase de luns a venres segundo os seguintes horarios: – De mañá: De 8:30 a 14:30 horas. – De tarde: de 15:30 horas en adiante. Estes horarios poderán modificarse por acordo de ambas partes e sempre que as necesidades do servizo o precisen. Para prestar o Servizo de atención temperá, crearase unha “Unidade de Apoio Familiar, Atención Temperá e Desenvolvemento Infantil” formada por un equipo multidisciplinar integrado como mínimo, por 3 profesionais das seguintes titulacións: Psicoloxía, Logopedia e Fisioterapia, con formación específica en materia de desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou apoio familiar.
Dentro deste equipo nomearase unha persoa responsable que actuará como coordinadora do mesmo e interlocutora coas persoas responsables a nivel municipal. A cualificación a nivel académico e a experiencia profesional das persoas que formarán parte deste equipo multidisciplinar está así mesmo regulada no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá.