A IV Xuntanza Literaria reúne no Porriño a máis de 400 participantes

Unha aposta pola lingua, a inclusión e a cultura

O Porriño | O Porriño acolleu hoxe a IV Xuntanza Literaria no parque Alba de Torneiros, unha actividade organizada polos departamentos de Biblioteca dos centros educativos do municipio, coa colaboración da Concellería de Educación, Normalización Lingüística e da OMIX. A xornada, que contou coa participación de máis de 400 persoas, converteuse nunha verdadeira festa da lectura, da inclusión e da lingua galega.

Desde as 10:30 e ata as 13:00 horas, alumnado, docentes, usuarios do Centro de Día de Torneiros, membros de ACEESCA e da Asociación AFAGA compartiron espazos de lectura individual e colectiva, recomendacións lectoras e mesmo unha merenda, todo nun ambiente distendido e interxeracional que encheu de vida o parque.

Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de que “O Porriño siga apostando por iniciativas que reforzan a nosa identidade cultural, fomentando o uso do galego desde as primeiras etapas da vida e involucrando a toda a comunidade”. Para o rexedor, este tipo de propostas “teñen un impacto real no tecido social, porque mesturan educación, cultura e convivencia”.

Un dos aspectos máis destacados desta edición foi o enfoque inclusivo e interxeracional, co obxectivo de promover a participación activa de persoas maiores e con diversidade funcional xunto á mocidade e á infancia. Tal como indicou a concelleira de Educación, Carolina González, “A Xuntanza Literaria é moito máis ca unha actividade lectora: é un espazo onde se constrúe respecto, empatía e sentimento de pertenza a través da palabra e da música”.

Ao longo da mañá, tamén houbo lugar para a música como ferramenta de expresión e canle de aprendizaxe. A actuación de Javier Becerra e Carolina Rubirosa, co espectáculo didáctico Isto é rock!, fixo vibrar ao público cun percorrido lúdico pola historia do rock, ofrecendo un enfoque accesible para todas as idades e facendo partícipes aos asistentes dun concerto que mesturou cultura musical e diversión.

A actividade contou coa implicación dos seguintes centros: CPR Santo Tomás, IES Pino Manso, ACEESCA, CEIPP Fernández López, CPR Hermanos Quiroga, CEIPP Antonio Palacios, IES Ribeira do Louro, CEIP da Cruz-Budiño, CEIPP de Atios, Centro de Día de Torneiros, Asociación AFAGA e CEIPP da Ribeira. Unha representación ampla e diversa do Porriño que demostra o compromiso común coa educación e coa lingua.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer o traballo de todas as persoas implicadas, especialmente dos centros educativos e entidades colaboradoras: “Este é un claro exemplo de como o Concello, xunto coa comunidade educativa, pode colaborar en proxectos que sementan valores de inclusión, cultura e respecto pola nosa lingua”.

Con esta IV Xuntanza Literaria, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co fomento do galego e coa integración social a través da cultura, facendo da palabra e da música vehículos de convivencia, aprendizaxe e orgullo identitario.

“Mini Can Parede”
Un ano máis, a Concellería de Educación do Porriño colabora co Festival de Cans para achegar esta cita cultural á comunidade educativa e promover a participación activa do alumnado. Froito desta colaboración coa OMIX, o festival ofrece unha programación específica para os centros escolares, que fomenta a creatividade, o traballo en equipo e o sentimento de pertenza.

Entre as propostas máis agardadas polos escolares destaca o “Mini Can Parede”, inaugurado esta mañá ás 10:30 horas na zona peonil do centro. Nesta edición, 135 alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria participaron na decoración de oito siluetas do icónico “Can Parede”, símbolo do festival, que xa se exhiben nos farois da zona durante toda a semana do evento. Tomaron parte nesta iniciativa os centros CEIPP Antonio Palacios, CEIPP da Ribeira, CEIPP Fernández López, CEIPP Atios, CEIP Cruz-Budiño, CPR Sto. Tomás, CPR Hnos. Quiroga e Aceesca. Cada colexio decorou a súa silueta de maneira libre, sen limitacións temáticas nin técnicas, fomentando a expresión artística e a colaboración entre o alumnado.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o talento da mocidade: “Cada ano os nosos nenos e nenas sorpréndennos coa súa creatividade e ilusión. O Mini Can Parede demostra que a cultura pode e debe ser accesible, participativa e integradora desde as primeiras etapas da vida”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, sinalou que “esta actividade é unha oportunidade para que os rapaces se sintan parte activa do festival, ao tempo que desenvolven habilidades artísticas e valores como a cooperación e o respecto polo traballo común”.

Tras a inauguración, o alumnado participante asistiu ao obradoiro “Pintando Cans”, unha proposta lúdica e educativa na que puideron seguir explorando a súa creatividade nun ambiente distendido.

Dende o Concello do Porriño agradécese especialmente a implicación dos centros educativos, do profesorado, das familias e da OMIX, que fan posible que o Festival de Cans sexa tamén unha festa da infancia, da imaxinación e da aprendizaxe compartida.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.