A irmandade xurídica galega fóra da burbulla.

Chegado o Día das Letras Galegas escóitanse os recorrentes discursos de sempre: a culpa da perda de falantes é das institucións, e nomeadamente da Xunta de Galicia. Non vou ser eu quen a exima da súa alícota responsabilidade, porque a Lei de normalización lingüística ten mandatos expresos. O problema da desgaleguización é moito máis complexo, porque son moitos máis os axentes que interveñen na pervivencia dunha lingua, sobre os que recae tamén a súa parte de responsabilidade.

A mocidade amosa desafección pola lingua, dise. Pero os sociolingüistas non se atreven a falar da causa causante do mal causado. O fracaso da galeguización do estudantando téna en grande parte –sempre hai excepcións- o profesorado que non atinou na pedagoxía aplicada, e na concepción literaria do proceso. Un erro transcendental. Creouse unha burbulla literaria para manter unha industria editorial que se dedicou a producir unha inconmensurable oferta de títulos que atestaron os almacéns das editoriais con milleiros de libros que non eran demandados polos escasos lectores. A crise do sector fíxose evidente. Pero non se escoitan voces autocríticas. Porque había unha retroalimentación entre uns e outros que deu lugar a esta situación. Sorpréndenos que ahora, alguén con responsabilidades editoriais afirme en declaracións a un medio de comunicación que a súa preocupación é “sacar o galego do gueto da escola”.

No Día das Letras celebráronse moitos actos literarios. E houbo xantares, mesmo oficiais, onde os produtos postos nas mesas non estaban etiquetados en lingua galega. Unha contradición que só se explica pola excesiva importancia que se lle dá aos valores literarios por riba do proceso de normalización lingüística que ten que abranxer a todos os sectores sociais e ás marcas comerciais que se identifican cos valores patrimoniais do país pregoándoo nas etiquetas; a estes dáselles as costas.
Pero aínda hai máis. As moreas de persoas que celebraron este día das letras galegas –e as organizacións sociais nas que están encadradas- non son coherentes co proceso regaleguizador. Se as decisións tomadas nas esferas persoais, que son moitas, fosen congruentes coa liturxia das celebracións destes días, a lingua galega chegaría a estar presente en moitos ámbitos. Pero non é así. Ás nosas celebracións sóbranlles devotos e faltanlles crentes no ideal.

Abrir novos espazos de uso para o galego. Iso é o que vén facendo desde hai once anos a Irmandade Xurídica Galega, apostando pola normalización lingüística nas esferas xudiciais e xurídicas. Velaí están os xuíces, fiscais, funcionarios xudicais e os operadores xurídicos que están facendo posible que o noso idioma sexa de uso común nos tribunais de Xustiza. Custou furar, pero conseguíuse o que parecía imposible hai vinte anos. Un labor feito con intelixencia e constancia.

O próximo día 26 no vello Paraninfo da Universidade de Santiago acollerá o solemne acto da Irmandade Xurídica Galega no que se homenaxeará a Lois Peña Novo, egrexio xurista e galeguista nado hai 125 anos. Formalizarán o seu ingreso na Irmandade vinteún xurístas que manifestarán o seu compromiso público coa lingua galega nas actividades profesionais, uníndose aos máis de douscentos cincuenta irmandiños e irmandiñas que xa o fan. Ao tempo imporáselle a insignia de ouro da Irmandade ao maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela, preparador de moitos opositores á xudicatura que cando gañaron a praza optaron polo galeguismo pragmático.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.