A inactividade municipal enche de lixo as rúas da Coruña

A Coruña/CxG | Comezada a Semana Grande das nosas Festas e o mes fulcral para o noso turismo, a Cidade amosa unha faciana lamentábel, con milleiros de bolsas de lixo amoreadas e un cheire inasumíbel en varios puntos da Coruña, prexudicando gravemente ao noso comercio e hostalería e, en xeral, á cidadánía e ao visitante.

O alcalde Negreira e o goberno municipal consideraron que a folga de Albada non ía con eles e só atinxía a traballadores e empresa, cando se trata dun servizo público que ten de garantir o Concello. Xa que logo, o Goberno local nada fixo por aproximar cadansúas posicións sociais (coma non fose para descualificar aos traballadores) e para lles esixir a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e o mantemento estricto do servizo público.
COMPROMISO POR GALICIA A CORUÑA esíxelle, tamén, ao Goberno municipal que adopte as medidas oportunas para garantir o axeitado funcionamento do servizo de recollida de lixo, que desenvolve CESPA e non está afectado en teoría pola folga.