A Festa do Pulpo do Carballiño xa ten cartel

Celebrarase o día 14 de agosto na vila do Arenteiro

O Carballiño | Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, participou xunto ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, na presentación do cartel da “Festa do pulpo” no Carballiño, celebración que recentemente foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional e que este ano está dedicada á celebración do Xacobeo 2021-2022 .

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, máis de medio século de historia avala a gran tradición da “Festa do pulpo” do Carballiño, unha das celebracións gastronómicas máis senlleira da Comunidade galega que actúa como foco de atracción dentro da oferta turística galega do verán.

A directora de Turismo incidiu en que as festas gastronómicas conforman a mellor mostra dalgunhas das máis relevantes exquisiteces culinarias do territorio galego, acompañadas pola tradición popular e por un dos nosos máis potentes activos como destino: a hospitalidade.

Nava Castro dixo que a enogastronomía é un dos grandes atractivos turísticos de Galicia “e xa supón o segundo motivo polo que os visitantes acoden a Galicia, xa que gracias á nosa gran variedade e calidade de recursos, tanto marítimos como da terra, podemos ofrecer experiencias únicas”, engadiu.

Nava Castro resaltou, tamén, que os nosos produtos con distintivos de calidade ou os nosos viños das cinco denominacións de orixe protexido son tamén o fío condutor para a creación de novas experiencias turísticas.

Así, lembrou, As Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, como promoción do turismo nas zonas de produción das denominacións de orixe, o Outono Gastronómico, combinación do turismo rural e a gastronomía, ou o programa De tapas por Galicia.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia felicitou aos organizadores da “Festa do pulpo” do Carballiño pola distinción acadada recentemente polo que esta celebración foi declarada de interese turístico intenracional.

Neste sentido, Nava Castro lembrou a implicación da Xunta de Galicia no procedemento para que a festa obtivese este recoñecemento, así como o pulo ao expediente administrativo da declaración desde o departamento que dirixe. Referiuse tamén o apoio económico de Turismo de Galicia que reciben as festas declaradas de interese turístico, o que permite desenvolver accións de promoción e difusión que melloran a súa imaxe e a organización.