
Ponteareas | O Concello de Ponteareas aprobou en pleno municipal este 27 de xaneiro de 2026 a aceptación da solicitude de renuncia ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) presentada pola empresa adxudicataria Óbolo o pasado 16 de xaneiro de 2026.
A data de cesamento da actual concesionaria será previsiblemente o 31 de xaneiro de 2026. Esta aprobación queda condicionada á finalización dos informes xurídicos necesarios por parte do persoal técnico municipal, Debe indicarse que Óbolo foi obxecto de múltiples cuestionamentos por parte das traballadoras do SAF, da oposición municipal liderada polo BNG, PSdeG-PSOE e Ponteareas en Común e a CIG. A saída de Óbolo de Ponteareas e a municipalización do servizo era unha das demandas máis solicitadas por parte das traballadora/es que estiveron en folga durante case tres meses a finais de 2025.
Polo momento, o Concello recorrerá a un contrato extraordinario de emerxencia coa empresa Atendo Calidade S.L, unha entidade comarcal con ampla experiencia e recoñecida traxectoria na xestión do SAF. O novo contrato asume un prezo por hora superior aos 27 euros.
O BNG felicita ás traballadoras do SAF por alcanzar a súa reivindicación
O BNG amosou publicamente a súa satisfacción ante a finalización da prestación do SAF por parte da empresa Óbolo. A líder do BNG de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, explicou que esta situación “chega despois de meses de mobilizacións, protestas e denuncias públicas protagonizadas polas traballadoras do servizo fronte aos reiterados incumprimentos do contrato por parte da concesionaria, tanto no referido ás condicións laborais como á calidade do servizo prestado ás persoas usuarias”.
Fernández Davila lamentou que, a pesar dos múltiples incumprimentos detectados, “o goberno de Nava Castro e a dereita puxéronse sempre do lado da empresa e non se atreveron a rescindirlle o contrato. Preferiron tapar as carencias da concesionaria con recursos públicos e perseguir e ameazar ás traballadoras que só pedían que se respectasen os seus dereitos laborais”.




