A devoción espallouse na honra do Cristo da Agonía na Cañiza

Cunha numerosa participación da veciñanza e de visitantes

A Cañiza | Este fin de semana A Cañiza viviu unha das súas celebracións máis entrañables e arraigadas: a procesión na honra do Santísimo Cristo da Agonía e da Nosa Señora a Virxe dos Dolores.

O Alcalde, Luis Piña, quixo agradecer esta mañá a acollida e participación da veciñanza e das persoas visitantes, que un ano máis se achegaron para compartir unha tradición fondamente enraizada na historia e na identidade da Cañiza.

Dirixiu tamén un agradecemento especial á Parroquia de Santa Teresa e ao seu Cura Párroco, Don Miguel Ángel Castro Quinteiro, pola invitación cursada á Alcaldía e á Corporación Municipal para asistir aos actos litúrxicos.

De seguido, fixo extensiva a súa gratitude á Comisión de Festas do Santísimo Cristo da Agonía polo esforzo, implicación e dedicación ao longo destes días de celebración.

Luis Piña tamén felicitou á Asociación Cultural Santo Cristo da Agonía da Cañiza pola súa inestimable participación nos actos procesionais, así como á Banda de Música da Brilat Galicia VII de Pontevedra e á Coral Polifónica da Cañiza, que participou na Misa Solemne.

Tivo tamén palabras de recoñecemento para os empregados municipais polo seu traballo e compromiso ao servizo da organización das festas.

Na presentación desta reportaxe, Luis Piña destacou o compromiso do Concello coa organización da procesión solemne, colaborando economicamente na cobertura dos gastos de transporte e manutención da Banda da Brilat, dos pinchos ofrecidos aos cofrades portadores dos tronos do Cristo e da Virxe, así como dos custos de instalación de vallas metálicas, proxección de imaxe e horas extraordinarias do persoal municipal para garantir a seguridade, montaxe e desmontaxe dos perímetros.

A todos e a todas, grazas e parabéns por facer posible, un ano máis, que esta tradición litúrxica, lonxe de esmorecer, continúe medrando e fortalecéndose co paso do tempo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.