A desigualdade social avanza na Galicia.

Os dados non enganan. Dende a asunción por Núñez Feijóo, en abril de 2009, do goberno deste país, a desigualdade medrou moi substancialmente e, ao tempo, tamén medrou na Galicia a pobreza.

No 2008, derradeiro ano xestionado na súa integridade polo goberno de coalición BNG-PSdeG, Galicia constituía o territorio do Estado máis igualitario, só despois da Rioxa, Aragón e Nafarroa, segundo dados dunha equipa interuniversitaria de distintas Universidades de diversos lugares do Estado. No 2022 só as Illes, Canarias, a Rexión de Madrid e máis Catalunya presentaban máis desigualdade, mentres o 1% de galegos máis ricos posúe o 28,6 % da riqueza do país, só superada no Estado pola Rexión de Madrid, onde ese 1% posúe o 34,6% da riqueza rexional.

“No 2008, derradeiro ano xestionado na súa integridade polo goberno de coalición BNG-PSdeG, Galicia constituía o territorio do Estado máis igualitario”

Por outra banda, segundo o IGE, as 9.000 persoas con patrimonios persoais máis abastados (0,33% da poboación) posuían no 2023 patrimonios que por xunto acadaban os 67.894 M€, cun incremento do 113% a respecto dos 31.228M€ que posuían por xunto no 2013. As rendas do traballo na Galicia acadaron no 2024 só o 44% (o 60% na Francia, por exemplo ou o case o 48% do conxunto do Estado) fronte ao 56% das rendas do capital (52% no 2009).

Indubidabelmente na Galicia existen fortunas persoais importantes, que medran progresiva e substancialmente por mor da súa capacidade de información de oportunidades de negocio e diversificación de investimentos. A saída a bolsa de Inditex ou  Fadesa hai máis de vinte anos xerou unha mesta rede de patrimonios e Galicia, con só o 5,5% da poboación, ten inserido na listaxe das dez maiores fortunas do Estado tres e até catro nomes, o que determina un nesgo bastante rechamante. Mais teño para min que a clave da desigualdade que medra non se explica só nesta circunstancia.

“A deterioración das rendas salariais sufriu nomeadamente durante a Grande Recesión (2009-2014), mais tamén co proceso inflacionista posterior a 2021”

A deterioración das rendas salariais sufriu nomeadamente durante a Grande Recesión (2009-2014), mais tamén co proceso inflacionista posterior a 2021, nomeadamente destrutor da capacidade de adquisición de bens e servizos das clases medias e traballadoras nos ámbitos da enerxía, alimentos frescos e- por riba de todo hoxendía- a vivenda. Ao tempo, malia a introdución da actualización das pensións no IPC éstas seguen a ser baixas na Galicia, por ter sido históricamente baixos os nosos níveis salariais.

Neste senso, as táboas da pobreza relativa  que publica a Rede Galega de Loita contra a Pobreza -EAPN Galicia-(elaboración de seu dende os dados da Enquisa de Condicións de Vida do IGE) reflicten un incremento da pobreza nomeadamente visíbel na perda de capacidade de mercar vivenda ou bens a prazos, garantir unha temperatura axeitada na moradía durante a invernía ou na posibilidade de mercar carne, polo ou peixe medida entre o 2008 e os anos 2020 a 202, malia que nalgúns medidores da pobreza relativa e da pobreza severa esta organización teña constatado indicios dunha apreciábel mellora nos dados de 2024.

“As táboas da pobreza relativa  que publica a Rede Galega de Loita contra a Pobreza -EAPN Galicia (…) reflicten un incremento da pobreza nomeadamente visíbel”

Sen dúbida, outro factor fundamental na deterioración relativa das rendas salariais e dos níveis de pobreza e a tendencia á redución salarial presente dende 2009 de xeito sobranceiro na privatización dos servizos públicos, que reduciron as rendas salariais reais e precarizaron os traballos, moi principalmente, malia que de ningún xeito exclusivamente, no sector dos coidados á terceira idade e á dependencia.

As sociedades máis desiguais son as máis inxustas, as menos democráticas e libres e-tamén- as máis ineficientes.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.