A Deputación de Ourense referenda o seu compromiso coa Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía

Xuntanza entre Manuel Baltar e a secretaria da Associaçao, Nachi López Queipo

Ourense | O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á nova secretaria da Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía, Nachi López Queipo, con fin de analizar as xestións que se están a realizar para que Ourense sexa a sede da Casa da Lusofonía, centro dependente da rede de casas do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

Unha iniciativa que dentro de dous meses chegará á comisión de Exteriores do Congreso dos Deputados, onde se espera que reúna o máis amplo consenso entre todas as forzas políticas representadas nesta Cámara.

O encontro, afirmou Manuel Baltar, permitiu “poñer de relevo o compromiso da Deputación para que Ourense acolla un centro que nos dará maior visibilidade e un plus para a cidade e a provincia, como o territorio galego mellor conectado coa capital do Estado, que no seu momento foi capital da Gallaecia e hoxe está na centralidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

O presidente destacou as oportunidades que se crearán coa sede da Casa da Lusofonía en Ourense, “a provincia do estado co maior número de quilómetros de fronteira con Portugal (219), apuntando que como “berce do pensamento político e galeguista, Ourense está unida a Portugal pola lingua, unha comunidade lusófona que en 2050 terá unha poboación de 300 millóns de persoas”. Unha cuestión que non só ten importancia polos lazos culturais e lingüísticos “senón tamén polo ámbito económico e de negocio”.

Manuel Baltar e Nachi López estudaron a folla de ruta a seguir para a presentación no Congreso, no prazo aproximado de dous meses, da proposta para que Ourense sexa a sede da Casa da Lusofonía, unha iniciativa que quedou reflectida no papel trala sinatura dun convenio, o 10 de marzo do pasado ano, entre a Deputación e a Associaçao Impulsora deste centro.

Integrada na rede do Ministerio de Asuntos Exteriores
A Casa da Lusofonía enmárcase na rede de casas que posúe o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, como organismos oficiais, con orzamentos do Estado e dirixidas por persoal funcionario de carreira. Como precedentes ten a Casa de América en Madrid, creada en 1991; a Casa Asia en Barcelona (2001); a de África en As Palmas e a Casa Árabe en Córdoba, estas dúas últimas en 2006.

Desde a Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía destácase o valor económico do portugués e do mundo lusófono, de modo especial nos negocios, ofrecendo servizos de formación e internacionalización ás empresas, nomeadamente no maior mercado mundial que é China, e dentro da lusofonía, o territorio de Macao, que ten moitas semellanzas con Galicia.

“Unha perspectiva que se trasladará ao Estado no marco desta iniciativa “para que teña en conta o valor da lingua portuguesa, tan vencellada ao idioma galego, tanto na súa orixe como na súa evolución”, sinalou López Queipo.

Outros artigos