A concurso o Servizo de Axuda no Fogar en Ponteareas por 909.696 € ao ano

Informou a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera

Ponteareas | O Concello de Ponteareas sacará a concurso a continuidade na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), por un valor estimado de 5.249.520 euros por un período máximo de 5 anos, dous de contrato inicial e outros tres en prórrogas dun ano cada un.

Unha vez rematado o período de concesión da anterior empresa adxudicataria, o goberno local convocou o procedemento para a renovación deste servizo. Tras a presentación dun recurso aos últimos pregos de contratación por parte dunha asociación, o goberno veuse na obriga de convocar novamente este proceso para a selección da nova empresa que xestione o servizo, que terá a obriga de subrogar ás máis de 40 profesionais que o prestan na actualidade.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, lembra que os pregos de contratación xa contaban cos correspondentes informes favorables dos funcionarios habilitados estatais, sendo aprobado polo Pleno da Corporación no pasado mes de xaneiro sen ningún voto en contra.

Na actualidade, segundo informa Verónica Carrera, “o SAF por dependencia atende a 84 usuarios e usuarias, que aportan unha pequena porcentaxe do importe total, fixado pola normativa vixente e na que se consideran os ingresos de cada persoa usuaria. De media, cada persoa usuaria aporta 2,5 euros/hora”.

A concelleira nacionalista tamén aclarou que “a lei de Dependencia prevé o financiamento dos servizos de dependencia entre o Estado e a Xunta de Galicia pero xa vemos que lle seguirá custando moitos cartos aos Concello”. Carrera explicou que a Xunta aporta 9,70 euros por cada hora de atención a persoas dependentes mentres que o prezo que o Concello ten que asumir é superior aos 15 euros por hora.

“Cada mes, dunha media de 4.000 horas polas que a Xunta aporta 38.800 €, o Concello ten que pagar 15.000, producíndose polo tanto un desfase anual de 180.000 euros que ten que facerlle fronte o Concello cos recursos propios, a pesar de non ser un servizo de competencia municipal”, sinalou a concelleira de Benestar Social.

No orzamento municipal para este ano 2021 reservase a contía necesaria, así como o compromiso de habilitar o crédito para dar cobertura á prestación deste servizo nos vindeiros anos. Verónica Carrera manifestou que “agora o que procuramos é que a empresa que resulte adxudicataria garanta un bo funcionamento para as persoas usuarias e as propias traballadoras deste servizo”.

Entre os criterios de adxudicación, recollidos nos pregos de licitación, serán puntuadas cun máximo de 28 puntos as axudas técnicas e de enfermería, cun máximo de 15 a mellor oferta económica e cun máximo de 45 puntos outros criterios avaliables, como a organización da xestión do servizo, os protocolos de intervención e o plan de formación do persoal, entre outros.

A maiores, o Concello conta co Servizo de Axuda no Fogar por libre concorrencia, do que se asumen integramente os custes agás o copago que corresponde aos usuarios e usuarias. Este servizo municipal atende na actualidade a 54 persoas.

Outros artigos