A Cañiza volve a honrar ao Cristo da Agonía

Presentación da programación na Igrexa Parroquial de Santa Teresa

A Cañiza | A Igrexa Parroquial de Santa Teresa da Cañiza acolleu este martes, 1 de xullo, a presentación oficial dos actos litúrxicos da solemne festividade na honra do Santísimo Cristo da Agonía, que terá lugar o vindeiro domingo 13 de xullo, segundo domingo do mes.

O acto contou coa presenza do párroco Miguel Ángel Castro, o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, e o presidente da Asociación Cultural Santo Cristo da Cañiza, Javier Souto, que deron a coñecer o programa relixioso deseñado para este ano, mantendo viva unha celebración con máis de dous séculos de historia.

A festividade comezará ás 11:00 h co pasarrúas da Banda de Música da BRILAT de Pontevedra “Galicia VII”, que realizará unha parada especial diante da Residencia Xeriátrica Santa Teresa, na rúa Castelao.

Ás 11:30 h, celebrarase a Misa Solemne na propia Igrexa Parroquial, oficiada polo párroco Miguel Ángel Castro e cantada pola Coral Polifónica da Cañiza. Ao remate, iniciarase a Procesión coas imaxes do Santísimo Cristo da Agonía e da Virxe dos Dolores, acompañadas pola Banda da BRILAT e polos costaleiros da Asociación Cultural, encargados de portar os Tronos.

Colaboración institucional e comunitaria
O Concello da Cañiza participa activamente nesta celebración, asumindo os custos relacionados coa Banda da BRILAT (desprazamento, comida e seguro de responsabilidade civil), así como ofrecendo un refrixerio aos costaleiros e membros colaboradores da Asociación.

O Alcalde transmitiu na presentación desta mañá, un agradecemento especial á Asociación Cultural Santo Cristo da Cañiza, á Comisión de Festas, á Parroquia de Santa Teresa, á Coral Polifónica da Cañiza, á Banda da BRILAT, así como a todos os veciños e veciñas, comerciantes e entidades que, de maneira altruísta, fan posible que esta festividade siga celebrándose con fe, respecto e unión veciñal.

Unha tradición con fondas raíces
A devoción ao Santísimo Cristo da Agonía forma parte da identidade espiritual e cultural da Cañiza. Trátase dunha advocación con máis de dous séculos de antigüidade, profundamente enraizada entre a veciñanza.

O Concello ten constancia de que, nun principio, a festividade celebrábase o Domingo da Santísima Trinidade (en maio), pero debido ao mal tempo propio da primavera, que dificultaba a saída da procesión, trasladouse ao segundo domingo de xullo, permitindo unha celebración máis estable e participativa.

Esta solemnidade, lonxe de esmorecer, mantense viva grazas ao compromiso da Parroquia, da Asociación Cultural Santo Cristo da Cañiza e da colaboración de toda a comunidade. A transmisión deste sentimento de fe e pertenza segue a fortalecerse ano tras ano.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.