A Cañiza | Este domingo 1 de xuño a pista de skatepark da Cañiza foi escenario do Campionato Galego de Roller Freestyle Street 2025, organizado pola Federación Galega de Patinaxe en colaboración co club Unity Blading Club.
O evento conseguiu congregar a 3 clubs de Ourense e 1 de Vigo na súa II edición federada así como a case unha corentena de riders e numeroso público nunha xornada chea de emoción, técnica e cultura urbana.
O Alcalde Luis Piña acompañado da 1ª Tenente de Alcalde, Mª José Rodríguez asistiron á entrega de premios e felicitaron a todos os participantes polo esforzo e nivel técnico de todos os deportistas, aos seus familiares, ao organizador Unity Blading Club e por suposto á Federación Galega de Patinaxe por elixir as nosas instalacións para celebrar esta nova edición “a II que se celebra en Galicia a nivel Federado”, comentou o rexedor.
Más de 35 patinadores e patinadoras procedentes de diferentes puntos de Ourense e Vigo competiron nas categorías Mini mixta, SUB 15 feminina, SUB 15 masculina, SUB 19 feminina, Senior masculina ( puntuable para o campionato de España) e Máster, demostrando un alto nivel técnico e gran espírito deportivo. As probas desenvolvéronse con total normalidade, baixo un ambiente de compañeirismo e paixón polo roller freestyle.
Verán cultural coa Festa do Xamón
O Alcalde Luis Piña acompañado dos concelleiros do Equipo de Goberno presentaron esta mañá, nas pistas de skatepark e pumptrack do Vieiro, a programación cultural e deportiva coa que A Cañiza dará a benvida ao verán 2025.
A inauguración foi o pasado 1 de xuño, cun evento deportivo de primeiro nivel: o Campionato Galego Roller Freestyle – Xunta de Galicia – Street Park 2025, nas pistas do skatepark municipal, cos mellores patinadores galegos e as súas acrobacias e trucos sobre rampas e varandas, nunha disciplina que mestura deporte e cultura urbana.
“Temos o pracer de presentar esta programación tras meses de intenso traballo, nos que puxemos todo o noso esforzo para seleccionar os mellores espectáculos, actuacións e eventos”, destacou o alcalde.
A programación inclúe tamén actividades organizadas por clubs e asociacións locais, ás que o Concello quere dar visibilidade e recoñecemento polo seu impacto social e cultural. O alcalde quixo agradecer expresamente a implicación dos veciños e veciñas que colaboran cada ano para facer posible esta ampla oferta.
A programación está chea de eventos especiais e un deles será a actuación da Banda de Gaitas de Paramos-Tui, o día 10 de agosto na Praza Maior. Nesta ocasión e con motivo da súa 3ª actuación na Cañiza, estrearán unha partitura orixinal adicada á nosa localidade.
Tamén anunciamos a celebración do campamento urbano de Verán que desenvolverase en dúas quendas durante todo o mes de xullo en horario de 9 a 14h, nas instalacions do pavillón municipal e da piscina das Grades. Nos vindeiros días abriremos o prazo para as inscricións.
A programación do Verán 2025 inclúe máis de 60 actividades pensadas para todas as idades. Continúa o sábado 7 de xuño co Campionato Galego de Aeromodelismo “F3F de Voo en Ladeira de planeadores”, organizado polo Club Vuelo a Vela Fontefría a partires das 10:30h nas ladeiras da contorna.
Durante os meses de verán, a veciñanza e visitantes poderán gozar de:
• Andainas, rutas en bicicleta e cros populares
• Exhibicións de patinaxe, taekwondo, e escolas deportivas
• Torneos de fútbol e balonmán
• Xuntanzas moteiras e actividades de aeromodelismo
• Campamentos urbanos e campus deportivos do CF Cañiza (14–31 xullo) e do Balonmán Cañiza (1–14 agosto)
• Cine ao aire libre, concertos de música clásica, actuacións da Escola de Música e da Coral polifónica.
• Festas infantís, inchables, karaoke, maxia, circo aéreo, teatro, batallas de rap e noites de humor.
• Exposicións de pintura e escultura, correbares e festivais folclóricos
Tampouco faltarán as celebracións máis tradicionais, como a Procesión do Santísimo Cristo da Agonía o segundo domingo de xullo, a Sardiñada Popular do 24 de agosto na Carballeira do Cacharado, e a Romería de Verán da Nosa Señora da Franqueira o 8 de setembro.
A 59ª Feira do Xamón, o gran evento deste verán
O 15 de agosto, A Cañiza celebrará a súa festa máis emblemática: a 59ª edición da Feira do Xamón, con toda a súa esencia gastronómica e festiva. A Carballeira do Cacharado acollerá o tradicional Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, acompañado dun programa festivo que inclúe:
• O obradoiro de xamón xigante (13 de agosto)
• A Masterclass de corte de xamón e cata de viños (14 de agosto)
• Concerto Ingrávida da man de Mercedes Peón ( 12 de agosto)
• Actuacións musicais e espectáculos para todos os públicos
O Concello tamén quere dar visibilidade a outras iniciativas de gran valor para a Cañiza, aínda que non estean organizadas directamente pola administración. Entre elas destacan:
• Exhibicións dos equipos de patinaxe de Valeixe e da Cañiza
• Campionato de Fútbol “Pachanga na Rúa” (4, 5 e 6 de xullo)
• Festa do Cristo da Agonía (10–13 de xullo)
• II Serán de Valeixe (20 de xullo)
• Correbares a cargo da Asociación Cultural ASCULCA. (25 de xullo)
• Entroido de Verán organizado polo Balonmán Cañiza (26 de xullo)
• Celebración do Curro do Pedroso (10 de agosto)
• Campus deportivos organizados polos clubs locais
• Celebración da Romaría de Verán da Franqueira (8 de setembro)