A Asociación de persoas con Crohn e colite ulcerosa de Ourense beneficia a máis de cen persoas

Afectadas de enfermidade inflamatoria intestinal crónica
Fernando Jiménez Zulliani, presidente de ACCU, primeiro pola esquerda.

Ourense | A Asociación de persoas con Crohn e colite ulcerosa de Ourense (ACCU Ourense), desenvolveu durante 2021 o proxecto “Servizo de atención integral, promoción da autonomía persoal e inclusión social das persoas con enfermidades inflamatorias intestinais”, co que se implementan actuacións de intervención social, abordaxe integral e apoio á autonomía persoal e vida independente de máis de 100 persoas afectadas de enfermidade inflamatoria intestinal crónica.

No principio do ano xa se previu que habería un incremento dun 30 % nas consultas e a atención directa na entidade por efecto da pandemia COVID-19, tal e como pasou segundo foi avanzando 2020 e a crise sanitaria alcanzounos a todos e todas.

En 2021 incrementáronse as consultas de intervención social que chegaron directamente a ACCU Ourense nun 60 % e as consultas de psicoloxía aumentaron o dobre que en 2020, ano no que xa foran máis con respecto a anos anteriores debido á pandemia.

Ademais, as persoas atendidas que se derivaron ao asesor xurídico e ao servizo de intermediación laboral que ofrece ACCU Ourense creceron nun 25%, destacando as actuacións en materia de incapacidade laboral, reorientación profesional, formación e integración laboral.

Este servizo executouse grazas á subvención procedente do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia xestionado por COGAMI. A Confederación xestiona esta subvención para que as súas entidades membros poidan financiar os seus proxectos prioritarios, á vez que lles proporciona asesoramento e realiza o seguimento durante a elaboración, execución e xustificación dos mesmos.

Neste caso, o proxecto enmárcase no Programa de Atención á dependencia e autonomía persoal.