A artista Arantxa Treus leva a Silleda a súa mensaxe de Violencia Zero

Coa acción escénica "Sorpresa", no marco do programa da Deputación de Pontevedra

Pontevedra | O carrusel emocional que supón para as mulleres renunciar ás súas propias vidas para vivir “para e por” os demais deixouse sentir hoxe a través da peza teatral “Sorpresa”, que puxo en escena a artista viguesa Arantxa Treus no Auditorio do Salón Parroquial de Silleda, no marco do programa da Deputación “Violencia Zero”.

Nun espectáculo sen pelos na lingua no que a actriz pasou do humor ao drama, e da “Sorpresa”, do título inicial, á palabra “Aspersor” para reclamar o desafogo e a liberación da muller, a artista clamou polo empoderamento feminino e a necesidade de vivir en liberdade. Ao acto, que se retransmitiu por streaming polas canles da Deputación e do Concello, asistiron a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, así como alumnado de 3º e 4º da ESO do Colexio María Inmaculada.

“Sorpresa”, unha peza na que a protagonista non deixou de interactuar co público, amosou en vinte minutos a vida dunha muller, Nora, que mentres prepara a festa sorpresa de aniversario para o seu marido dáse conta de todas as súas renuncias que tivo que facer ao longo da súa vida, pero termina coa vontade de volver “ser a primeira en todo e de probar todo aquelo que me fixeron crer que estaba mal”.

“Sorpresa’, unha peza na que a protagonista non deixou de interactuar co público, amosou en vinte minutos a vida dunha muller, Nora, que mentres prepara a festa sorpresa de aniversario para o seu marido dáse conta de todas as súas renuncias que tivo que facer ao longo da súa vida, pero termina coa vontade de volver “ser a primeira en todo e de probar todo aquelo que me fixeron crer que estaba mal”

Como sinalou Arantxa Treus, “Sorpresa” partiu da súa experiencia vital: “Eu fun Nora nun pasado, fun unha muller estupenda e marabillosa que vivía para e por. Pero esquecinme de vivir para min. Por favor, non fagades iso –dirixiuse á mocidade que asistiu ao acto-. Poñédevos primeiras a vós e logo xa o que teña que ser. E recordade que a igualdade é fundamental e parte sempre da educación”.

Tanto a deputada Victoria Alonso, como o alcalde Manuel Cuíña, amosaron nas súas intervencións a necesidade de seguir traballando para conseguir que a sociedade “mude cara á violencia cero”. “A Deputación –sinalou Victoria Alonso- está moi orgullosa deste programa, co que levamos seis anos. Pero o orgullo será cando non teñamos que programalo porque conseguimos ese obxectivo de acadar a violencia cero”.

Lembrou que amais de loitar contra a violencia machista, a finalidade de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” é tamén a de visibilizar ás mulleres da cultura galega, “que, como noutros sectores. tamén teñen que esforzarse máis para amosar a súa valía”. “Pero iso é unha realidade que nos acompaña no noso día a día –lembrou-, sempre temos que esforzarnos máis para conseguir ese oco na sociedade”. “Isto é o que pretendemos erradicar con este programa. Intentamos con accións culturais concienciar á sociedade. Por iso, esperamos que ao saír de aquí faledes entre vós da necesidade de poñer fin ás violencias machistas, que non se limitan só ás cifras de mulleres asasinadas, senón que van moito máis aló. E pedímosvos que reflexionedes sobre a necesidade de mudar esta sociedade”.

Pola súa banda, o alcalde Manuel Cuiña puxo tamén o foco na necesidade de que a mocidade se implique na loita contra “a violencia máis dramática que hai, a machista” e que se agravou nos peores meses desta pandemia “con mulleres vivindo confinadas cos seus maltratadores”. E dirixiuse ás e aos estudantes presentes para recordarlles “o papel tan importante” que deben xogar nesta batalla “porque sodes o futuro da sociedade”. “Tócanos loitar a todos e a todas, pero para vós non é unha loita de futuro, senón xa agora –indicou-. Tedes que ter a percepción de que esta lacra non pode continuar”.

O programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación continuará ao longo deste 2021 con outras 14 actividades noutros tantos concellos, entre as que haberá performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas e música.