Os nosos paxaros: A anduriña

Anduriña con insecto

As anduriñas son uns paxaros moi queridos e apreciados en Galicia. A anduriña común é un paxaro que fai seu niño con terra, colocandoo xeralmente debaixo dos balcons, dos beirados dos tellados, nas solainas e nos palleiros, revistíndoos exteriormente con lama e por adentro con plumas, herbas e brión.

As plumas do lombo e das ás son negras; pola barriga brancas; e medio encarnadas por debixo do peteiro o que, por certo, téñeno moi fendido. O rabo é longo e aberto en dúas partes de forma triangular afiada.

Son moi útiles pola grande cantidade de insectos, sobre todo mosquitos, que atrapan, collendoos ao vó. Son aves migratorias que chegan ao noso país a principios do mes de abril e marchan a últimos de setembro. Son polo tanto aves precusoras da primavera pois cando aparecen é sinal de que o bo tempo está próximo. Cando emigran aos países quentes, onde pasan o inverno, fanno en bandadas e cando regresan na primavera, volven establecer os seus niños no mesmo sitio que os tiveron o ano anterior.

Elieno, o escritor ateniense, sinala que xa na antiga Grecia as anduriñas estaban consagradas ao deuses penates e que, por iso, non as mataban. Eran honradas como “heraldos de primavera” e incluso na illa de Rodas había un himno particular popular prra celebrar o seu regreso, Hoxe, no noso país, aínda son respectados os seus niños nas casas que escolleron para facelos, para a súa procreación, porque en Galicia tamén é popular a lenda moi espallada que conta que foron as anduriñas as que aliviaron os sufrimentos de Xesucristo na cruz, arrincandolle co peteiro as espiñas da corora. Así mesmo tamén é crenza xeralizada que este paxaro leva a sorte á casa onde aniña porque é o paxaro máis caseiro mentres que aos que lles desfán os ñiños véranse abocados á mala sorte e a desgracia.

Niño con crías

A anduriña tamén realiza para outros paxaros, coma vencellos, lavandeiras, avións, etcétera, unha importante función que é avisar a estes da aproximación dun ave de rapiña cando distingue ao lonxe a unha curuxa ou un miñato dando un chío forte e penetrante, que fai que as demaís anduriñas e vencellos voen rapidamente ata xuntarse todos de arredor e logo marchar en liña, por veces, contra o enemigo ao que acosan, todos aun tempo, ata que lle obrigan a fuxir.

Hai tamén outra especie de anduriña no noso país que é a chamada “anduriña das chimeneas” que ven sendo un chisco máis longa que a común, tendo o rabo un pouco máis aberto que a outra e sendo tamén de color negro polo lombo e o demaís branco agás o peito e a testa vermellos. Tamén fai o niño con terra case sempre nas chimeneas ou nas cortes do gando.

Existe tamén a chamada Anduriña do mar que se atopa nas nosas zonas costeiras, que son moitas. Estes paxaros cambian de plumaxe segundo a estación do ano, o sexo maila idade polo que non resulta fñácil distinguilos das demáis especies que fan cousas similares. Chámanlle anduriñas de mar porque teñen as ás longas e o seu rabo dividido en dous de forma aforquillada lle dan o aspecto de anduriñas comúns.Voan, coma estas, rapidamente, en distintas direccións polas orelas do mar, buscando seu alimento, consistente en peixiños, moluscos, vermes, insectos etcétera. Seu tamaño é inferior ao gaivotas que as persiguen para arrebatarlles a pesca. Teñen o pico tan longo, ou máis, que a cabeza, case recto, comprimido, delgado, cortante, afilado e ámbalas dúas mandíbulas de igual lonxitudude.

Existe unha herba chamada “Herba da anduriña” que ven sendo a ‘celidonia maior’. Ten a flor, amarela, composta de catro pétalos redondos con follas amarelentas por debaixo e verdes por arriba, cos tallos, ocos e con pelos. Florida durante a primavera, polo medio das follas saen as flores na cima, formando unha especie de paraugas. Medra nos balados vellos, nos matos, nos terreos incultos, húmedos e sombríos. Toda a planta contén un zume de color amarelo-azafranado cun sabor amargo e cáustico, polo que é moi empregado, pola xente en xeral, para cauterizar as espullas. A mediciña popular antiga consideraba útil esta planta para curar as enfermedades dos ollos. Esta herba, como alimento, é nociva aos animais, por mor do veneno que contén.

C

o nome de anduriña tamén se coñece un peixe que ten as seguites características: foma cónica, cabeza grande, con unha cor violeta polo lombo e branca polo ventre con aletas dobles. Co nome de anduriña tamén se lle chama por certas zonas á zamburiña que tamen se coñece por ‘zamoriña’.
Pero volvendo aos paxaros hai que dicir que esta ave tan querida foi motivo de inspiración de vates, poetas e letristas de cancións que en tódolos idiomas, coa anduriña como tema, fixeron os seus escritos. É motivo de estudio no bacharelato sempre o poema en castelá de Becquer que comeza:
“Volverán las oscuras golondinas/ de tu balcón los nidos a colgar/ y, otra vez, con el ala a sus cristales/ jugando llamarán;/pero aquéllas que el vuelo refrenaban/ tu hermosura y mi dicha al contemplar,/ aquéllas que aprendieron nuestros nombres…/ ésas… ¡no volverán!”
En cantos as poetas en lingua galega aparece o ourensán Saco Arce que escribiu (sic): “Paroleira anduriña,/ sobr’o balcón pousada,/ singela viageira,/ chea de doce gracia;… Cando as doces anduriñas,/ baixo un aleiro pousadas,/ descansan do seu camiño/ en busca da ardente África;…”
Eduardo Pondal: “E o mirar as xentís anduriñas/ cara a terra que deixa cruzar:/ ¡Quen poidera dar volta, pensaba,/ quen poidera con vosco voar!”…
E tamén Curros Enríquez: “¡Ai, quen anduriña fora,/ anduriña da outra banda,/ que ao meu amor un suspiro/ no piquiño lle levara!”
Famosísima foi a canción, en castelá que co título de Anduriña fixo popular aquel fabuloso dúo que formaron Juan e Junior pero que logo Joan Manoel Serrat cantou en galego e que comezaba así:
“En Galicia un día eu escoitei/ unha vella historia, nun café./ Era dunha nena que da aldea, se escapou…/ Anduriña nova que vóou…/ Choran ó pensar, ¿onde andará?/ Máis ninguén a quere ir buscar./ Anduriña lle chamaronos que alí deixou/ torna pronto ao porto, por favor”.
Tamén en México existe unha canción que é para eles un himno á despedida, música universalmente coñecida pola película “Os 7 magníficos” e onde a letra que en galego di: “A onde irá veloz e fatigada/ a anduriña que de aquí se vai/ por se no vento estivera extraviada/ buscando abrigo e non o atopara…”
Tamén se canta por Galicia: “Catro aves voadoras/ son as que pasan o mar:/ a anduriña e mailo cuco,/ a rula e o paspallás”, e tamén: “Quixera ser dos paxaros/ que anduriña se lle chama/ para facer o meu niño/ ao pé da túa ventana”.
O escritor, ornitólogo, investigador e editor Estanislao Femández de la Cigoña e Núñez escribiu un inetresante artigo na revista Pregón do a no 2002 titulado “A andoriña dáurica: un paxaro que chegou pola autovía de Madrid”.
Dentro da sabiduría popular, como non podía ser doutra forma, existen refráns coa anduriña de figura baseados na ciencia empírica como estes: “Anduriña que voa a rente da terra, chuvia venta”; “No día de san Xosé, a primeira anduriña se ve”; “Unha anduriña non fai verán” e “Vale máis unha cagada de vaca que cen de anduriña”. E, por último sinalar as seguintes adiviñas: “Teño unhas veciñas que a súa casa truxeron á miña. Son moi madrugadoras e despertan a cantar pola aurora” e “¿Qué cousa é, cousiña que é veloz viaxeira, fai o niño de barro e ten rabo de tixeira?”. Non fai falta ser estudiado para saber a solución das dúas adiviñas pero… eu por se acaso informo que a solución correcta é: ¡As anduriñas!