A agrupación de municipios Camiño de Augas Sacras presentouse en Castro Caldelas

Prevén decenas de actividades culturais, deportivas e gastronómicas

Castro Caldelas | O programa “Un castelo no Camiño Augas Sacras” presentouse en Castro Caldelas nun acto no que participaron al alcaldesa, Sara Inés Vega, a directora de Turismo da Xunta Nava Castro e os rexedores dos municipios polos que discorre o denominado “Camiño de Santiago Augas Sacras”: Sober, Larouco, A Teixeira, Petín, Trives, Monforte e San Xoán de Río.

Decenas de actividades culturais, deportivas e gastronómicas impulsaranse dende o Concello de Castro Caldelas para as estacións de primavera e verán na Ribeira Sacra. A programación conta para a súa promoción co apoio da Xunta de Galicia a través do programa “O Teu Xacobeo” que pretende promover os valores do ano xacobeo por toda a xeografía galega.

“O Castelo de Castro Caldelas actuará nos próximos meses como eixo dinamizador da actividade cultural na comarca. Organizaránse visitas teatralizadas e espectáculos, exposicións, actividades deportivas coas que poñer en valor o patrimonio cultural, natural e gastronómico” dixo a alcaldesa de Castro Caldelas. “Seguimos convencidos de que a nosa fortaleza debe ser o centro monumental de referencia na zona, actuando como principal punto de atracción turística e porta de entrada natural á Ribeira Sacra”, apuntou Sara Inés Vega Núñez.

“O acto servía ao tempo para presentar ao público a agrupación de municipios Camiño de Augas Sacras que ten como obxectivo investigar, protexer e difundir unha vía de peregrinación que unía os concellos de Sober, Larouco, A Teixeira, Petín, Trives, Monforte, Castro Caldelas e San Xoán de Río”

O acto servía ao tempo para presentar ao público a agrupación de municipios Camiño de Augas Sacras que ten como obxectivo investigar, protexer e difundir unha vía de peregrinación que unía os concellos de Sober, Larouco, A Teixeira, Petín, Trives, Monforte, Castro Caldelas e San Xoán de Río.

“A Ribeira Sacra, ao igual que o Camiño de Santiago, é sen dúbida un excelente atractivo para visitantes de todo o mundo. Os datos apuntan que nesta Semana Santa esta ten recibido máis visitantes incluso que a propia capital xacobea. A súa promoción por tanto, como motor de desenvolvemento sustentable para a comarca, é un dos obxectivos prioritarios e estratéxicos da nosa xestión”, en palabras da directora xeral de Turismo.