
Ourense | A “15K Nocturna Ourense” presentou oficialmente a súa nova edición este mércores 18 de marzo nun acto celebrado no Centro Comercial Ponte Vella, que será tamén o punto de chegada da proba o próximo 28 de marzo.
Na presentación estiveron Manuel Pérez, delegado de Deportes da Xunta de Galicia; Kike Álvarez, asesor de Deportes da Deputación de Ourense; Chuchi Hidalgo, asesor de Deportes do Concello de Ourense; Marcos Vila, director do Centro Comercial Ponte Vella; Serafín Martínez, responsable técnico do evento; e Andrea Bodelo, nai de Ian, o neno ourensán que convive con Hemiplejía Alternante da Infancia, unha enfermidade ultrarrara e sen cura.
Un dos momentos máis emotivos do acto protagonizouno Andrea Bodelo, quen explicou as dificultades do día a día ás que se enfronta o seu fillo debido a esta enfermidade, que condiciona gravemente a súa calidade de vida. A súa intervención puxo en valor a importancia de iniciativas solidarias como esta proba, que contribúen tanto ao apoio económico como á visibilización desta patoloxía.
Durante a presentación déronse a coñecer os detalles dunha edición que volverá situar á cita ourensá como unha das carreiras nocturnas de referencia en Galicia e que este ano contará cun destacado carácter solidario.

A organización destinará parte das inscricións para apoiar a Ian, reforzando así o compromiso social da proba. Ademais, habilitarase unha Fila 0 para todas aquelas persoas que desexen colaborar con esta causa.
As inscricións continúan abertas a través da web oficial, www.15knocturnaourense.com, onde xa están dispoñibles os últimos dorsais para participar nesta cita deportiva e solidaria.
A proba manterá as súas distancias habituais: 15 quilómetros, 5 quilómetros e unha andaina de 12 quilómetros, con saída desde a Ponte Romana e meta no Centro Comercial Ponte Vella, nun percorrido nocturno que combina deporte, ambiente e espectáculo no corazón da cidade.
A andaina tomará a saída ás 18.00 horas desde a Ponte Romana de Ourense. A proba 15K arrincará ás 19.00 horas desde o mesmo punto, mentres que a saída da 5K está prevista para as 19.15 horas. Todas as modalidades finalizarán no Centro Comercial Ponte Vella. Todos os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa desta edición. Con esta nova edición, a 15K Nocturna Ourense reforza a súa identidade como un evento que une deporte e solidariedade, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario galego.




