Tui | O Concello de Tui continúa dando pasos firmes no camiño para converterse en Cidade Amiga da Infancia, un recoñecemento promovido por UNICEF España co obxectivo de garantir que os dereitos de nenos, nenas e adolescentes sexan unha prioridade real nas políticas municipais.
En concreto remitiuse xa á UNICEF España a candidatura, tras ser aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal. Precisamente este acordo plenario é un requisito imprescindible para optar ao recoñecemento. Trátase dun compromiso institucional claro para impulsar políticas que favorezan o benestar, a participación e o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes.
Será no mes de xullo cando se coñeza se Tui é admitida entre os municipios seleccionados. De ser así, o Concello continuará coa elaboración dun diagnóstico sobre a situación da infancia e adolescencia na cidade, así como co deseño do Plan Local de Infancia e Adolescencia. Estes traballos xa están en marcha, como parte do proceso esixido para optar ao recoñecemento definitivo, previsto para finais de ano.
Tui conta xa, dende 2023, cunha estrutura estable de participación infantil e adolescente, o grupo, ParTUIcipando. Este grupo reúne periodicamente a nenos, nenas e mozos e mozas do municipio, está aberto a novas incorporacións e funciona como canle directa para escoitar as súas propostas e inquedanzas. Representantes deste grupo participan tamén no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia de Galicia, o que reforza o seu papel activo e representativo. Ademais, o Concello celebra regularmente plenos infantís e xuvenís, nos que a infancia pode trasladar directamente ao goberno local os seus puntos de vista, as súas inquedanzas e suxestións.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, subliña que “Tui leva tempo traballando nunha liña clara: garantir espazos reais de participación infantil e integrar a mirada dos máis novos nas decisións municipais. Queremos ser unha cidade que escoita, que respecta e que actúa coa infancia no centro”. A iniciativa Cidade Amiga da Infancia, promovida por UNICEF en colaboración co Ministerio de Mocidade e Infancia, a FEMP e outros organismos especializados, recoñece os municipios que promoven contornas seguras, saudables, participativas e inclusivas para a infancia e adolescencia.
Renovación do distintito SICTED
O Concello de Tui renovou o distintivo de Calidade Turística SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos, para a súa Oficina de Turismo por un período de dous anos máis. Esta distinción certifica o compromiso do municipio coa mellora continua da atención ao visitante e coa calidade dos servizos turísticos.
A concelleira de Turismo, Ana Núñez, foi a encargada de recoller o diploma acreditativo durante a Gala Provincial de Turismo, organizada pola Deputación, celebrada onte no concello de Moraña, nun acto que reuniu a representantes de distintos destinos turísticos da provincia.
Esta renovación é unha mostra do traballo constante do Concello de Tui por ofrecer unha atención de calidade, profesional e adaptada ás necesidades de todas as persoas que escollen a cidade como destino turístico. Con esta renovación, Tui consolídase como un destino comprometido coa excelencia na atención ao visitante.
O distintivo SICTED, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), recoñece aqueles destinos que apostan pola mellora continua, a formación e a cooperación entre os diferentes axentes turísticos.
A Oficina de Turismo de Tui continúa así posicionándose como un referente na atención ás persoas visitantes, reforzando a imaxe de Tui como un destino acolledor, de calidade e cunha oferta turística consolidada. Nesa liña a Oficina de Turismo de Tui traballa tamén na obtención da Q de Calidade Turística, un novo paso cara á excelencia. Neste sentido, Ana Núñez salientou que “as administracións públicas temos que ser exemplo de por onde debe ir o sector. Temos que ser exemplo e facer un chamamento ao compromiso coa calidade”.
A concelleira engadiu que “Tui, ademais de ofrecer servizos, ten que diferenciarse pola calidade dos mesmos”, recordando que o municipio xa se atopa situado no panorama turístico como un destino atractivo e cunha oferta diferenciadora. “A calidade debe sumarse como un valor engadido a ese atractivo”, sinalou. Este traballo conta co apoio técnico da Deputación de Pontevedra.
Na Gala do Turismo, celebrada en Moraña, no Pazo da Toxeiriña, tamén recolleron a renovación do distintivo SICTED A Fada do Aloia e Segmento Divertido. En total son doce as empresas ou servizos de Tui que contan con este recoñecemento de calidade. Dende o Concello de Tui anímase a aloxamentos, bares, restaurantes, comercio, turismo activo, turismo industrial, seguridade cidadán, axencias de viaxes, transporte turístico… a implantar este distintivo de calidade.