420 rapaces e rapazas gozaron dos campamentos de verán en Ponteareas

No Campus Tea e no Verán Rural

Ponteareas | Co inicio de curso á volta da esquina, os campamentos de verán do Concello de Ponteareas despídense ata a vindeira tempada. Durante os meses de xullo e agosto, arredor de 420 rapaces e rapazas participaron nalgunha das quendas do Campus Tea e do Verán Rural, “unha alternativa de lecer lúdica e educativa que sempre ten moi boa acollida por parte dos e das ponteareás, xa que grazas a elas os nenos e nenas gozan dun xeito diferente das vacacións estivais ao tempo que facilitamos a conciliación familiar e laboral”, valora a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila.

Un verán cheo de actividades do que puideron desfrutar os máis de 300 rapaces e rapazas inscritos no Campus Tea e os 100 do Verán Rural, que nesta edición levou os seus campamentos ás parroquias de Angoares, Xinzo, Areas e Guláns. A través destes campus, o Concello promove actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade aos máis pequenos e pequenas.

Combinando xogo e saídas didácticas con actividades creativas, culturas e de coñecemento, estes campamentos buscan espertar a curiosidade de todas e todos os seus participantes e ampliar o coñecemento sobre a vila e a súa contorna a través dunha educación en igualdade, en hábitos de vida saudábeis e no coidado do medio ambiente.

Así, a través de diferentes saídas e actividades, nenos e nenas aprenderon como funcionan os muíños e os pozos, a recoñecer diferentes instrumentos musicais, a cociñar deliciosos e sinxelos pratos ou a respectar a natureza.

Dende o Concello agradécese a confianza depositada un ano máis polas familias nestes programas de verán, “un servizo para todas aqueles pais e nais que traballan e que queren deixar aos seus fillos e fillas nun espazo lúdico, didáctico e de crecemento persoal”.

10.000€ en axudas para entidades sociais
Un ano máis o Concello de Ponteareas pon en marcha unha liña de subvencións dirixidas a entidades sociais que desenvolven actividades no municipio durante este ano 2022. Trátanse de axudas coas que se busca “fomentar e apoiar as iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que levan a cabo programas que promoven o benestar social da veciñanza a través de diferentes accións, continuando na liña marcada polo actual Goberno municipal desde 2015 de colaboración coas entidades sociais”, como explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.

Estas subvencións permitirán realizar accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá ou de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, entre outras. As axudas será para actividades realizadas ao longo do ano 2022, a contar dende o 1 de xaneiro.

O Concello investirá un total de 10.000 euros nestas axudas, cun máximo de 3.000€ por entidade. Carrera salienta que estas subvencións “outórganse con fondos propios municipais e se conceden de forma transparente e en concurrencia libre”. As entidades sociais interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de setembro. As bases, xunto co formularios en formato editábel, están a disposición na sede electrónica e na páxina web do Concello.