28M en Galicia: o PP leva a batuta do poder municipal

Os 'populares' gañan en 191 dos 313 Concellos galegos. O BNG confirma tamén o seu ascenso gañando na capital galega

A cita electoral municipal deste 28M ofreceu cambios políticos significativos en Galicia. A diferenza do ocorrido nas anteriores eleccións municipais de 2019, o Partido Popular (PPdeG) recupera o pulso como principal poder a nivel municipal gañando en 191 dos 313 Concellos galegos (56 por maioría absoluta) e obtendo o 38,4% dos votos e máis de medio millón de votos. Este escenario abre tamén as expectativas dos “populares” de renovar a súa maioría absoluta nas autonómicas galegas de 2024.

Das sete principais cidades galegas, nas que os “populares” non gobernaban en ningunha delas desde 2019, o PPdeG recupera Ferrol con maioría absoluta a falta do que suceda en Ourense. Alén dos escándalos de corrupción, Democracia Ourensá (DO) do actual alcalde Gonzalo Jácome foi a lista máis votada (10) e está á espera do que decidan o PP (7), PSdeG-PSOE (6) e BNG (4).

Tamén hai cambios de poder nas Deputacións. O PP conserva Ourense mentres deu o sorpasso gañando a de Pontevedra, con posibilidades incluso de obter tamén a de Lugo, deixando aos socialistas só coa Deputación coruñesa.

O PPdeG foi tamén a lista máis votada na Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra, pero ao non conseguir a maioría absoluta non terá o poder municipal. O PSdeG-PSOE gobernará na Coruña co apoio do BNG e tamén Lugo; os nacionalistas obtén unha histórica vitoria e gobernarán a capital galega con Goretti Sanmartín e tamén en Pontevedra co apoio dos socialistas. Deste xeito, é igualmente significativo o avance do BNG a nivel municipal, liderando en 21 Concellos e aumentando nun 5% a preferencia dos votantes (máis de 250.000 votos). Isto tamén define moitas das expectativas de ascenso dos nacionalistas de cara ás autonómicas 2024. Pola súa banda, os socialistas apreciaron o desgaste perdendo 100.000 votos.

No caso do Condado-Paradanta, o PP tamén lidera nos Concellos. Gobernaría en Ponteareas con Nava Castro (7) co apoio de ACiP (4), desaloxando á coalición do BNG-PSdeG-PSOE vixente no goberno municipal desde 2015. O PP tamén gañou con autoridade en Arbo, Covelo, Salvaterra de Miño, Crecente e tamén nas Neves, este último ata agora gobernado polo BNG. Pola súa banda, Luís Piña (PSdeG-PSOE) seguirá sendo alcalde da Cañiza mentres o BNG gañou con contundencia en Mondariz-Balneario, poñendo fin ao goberno do PP.

No caso da Louriña, arrase absoluto do PP no Porriño con Alejando Lorenzo (16 dos 21 concelleiros) e Mos con Nidia Arévalo alcanzando a súa cuarta maioría absoluta. O PP tamén gañou en Salceda de Caselas, pero sen maioría absoluta o que achega a repetición da coalición de goberno Movemento Salceda (4) e PSdeG-PSOE (2) engandido agora ao BNG (1)

Tui definiu un empate entre o PSdeG-PSOE e o PP con seis concelleiros cada un no que os socialistas poderán manter o goberno municipal co apoio do BNG (4). O PP tamén gañou na Guarda rozando a maioría absoluta toda vez o BNG (5) superou ao PSdeG-PSOE (3) mentres ESCO (1) será a balanza que define o goberno municipal con maioría en 9 concelleiros. O PP consolídase en Oia cunha nova vitoria de Cristina Correa e recupera Baiona con Jesús Vázquez Almuína. O Rosal volverá a ter un goberno BNG-PSdeG-PSOE pola mínima e Tomiño confirma a hexemonía mantida desde 2007 polo BNG aínda que baixou en concelleiros. En Gondomar, o PSdeG-PSOE gañou sen maioría absoluta pero pode conservar o poder municipal a través de pactos. En Nigrán arrasou o PSdeG-PSOE con 11 concelleiros.

Caso aparte foi Vigo. Se ben perdeu un concelleiro, o socialista Abel Caballero alcanza a súa quinta maioria absoluta (19 de 27 concelleiros). O PP gaña 1 concelleiro e En Marea Podemos desaparece da Corporación Municipal viguesa ante o avance do BNG (3 concelleiros) A nivel galego, o declive de Cidadáns e En Marea-Podemos é tamén perceptible nestas eleccións municipais. VOX logra tamén un histórico resultado alcanzando o seu primeiro edil nun Concello galego, neste caso no ourensá de Avión. E o calendario electoral non para: o presidente de goberno Pedro Sánchez xa convocou este 29 de maio o adianto das eleccións xerais para o vindeiro 23 de xullo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.