23X: revival do bipartidismo.

Que leccións políticas nos deixan as eleccións xerais do 23X? Varias lecturas poden facerse dos resultados e do momento político que se abre agora a nivel estatal. Pero unha matriz de análise parece clara: o bipartidismo rexurde, con forza e con expectativas de consolidarse.

Comecemos cos datos na man. O Congreso dos Deputados ten 350 escanos. Tal e como vaticinaron varias enquisas, o PP de Feijóo resultou gañador dos comicios liderando o novo Parlamento con 137 deputados, sumando un ao obtido polo voto CERA. Pedro Sánchez volveu a sorprender co seu ‘manual de resistencia’ alcanzando os 121 escanos para o PSOE. Xuntos, PP e PSOE, os dous partidos ‘sistémicos’ garantes do réxime constitucional da transición de 1978, suman 258 dos 350 escanos.

En porcentaxe, o 73,7% do Parlamento estatal estará dominado polo bipartidismo PP-PSOE. En 2011 ese índice foi do 90%. Máis dunha década despois, coa emerxencia de novas formación algunhas delas antisistémicas e antibipartidistas (PODEMOS, VOX, Sumar, Cidadáns), podemos dicir que o momento político do 2023 evidencia que o bipartidismo goza, cando menos polo de agora, de boa saúde.

“En porcentaxe, o 73,7% do Parlamento estatal estará dominado polo bipartidismo PP-PSOE”

Agora ben, é evidente que o mapa político cambia ‘a cabalo’ das expectativas da sociedade. Unha desas claves, como ben din o noso colaborador Xoán Antón Pérez-Lema, ten que ver cos resultados obtidos polos partidos soberanistas dos denominados constitucionalmente como “nacionalismos periféricos” (Cataluña e País Vasco principalmente) que amosan as súas resistencias a preservar o modelo estatal imperante.

Con 6 escanos, Bildu eríxese agora como o actor preponderante do escenario politico vasco mirando con forza ás autonómicas 2024. EAJ-PNV (que non apoiará a Feijóo na investidura) queda con 5. No caso catalán sube JuntsxCatalunya (JxC) con 7 mentres ERC baixa a 7. No caso galego o BNG mantén 1 escano. En total, os cómputos dos soberanismos periféricos suman 26 escanos, un 7% do novo Parlamento, pero agora co JxC como posible novo árbitro da política estatal. JxC decidirá se Pedro Sánchez pode reeditar unha multiforme coalición para poder gobernar.

A negociación anúnciase trepidante: os cataláns piden un novo procés vía referendo soberanista e indultos aos líderes do procés de 2017. Se non hai repetición electoral para outono (o propio Sánchez descartouno tralo 23-X pero na política todo é posible e máis ante un panorama tan atomizado pe incerto) o futuro goberno de España estará, por tanto, condicionado polos intereses catalanistas. E tralo escano obtido polo PP do voto CERA e perdido polo PSOE, Sánchez precisa con urxencia o “si” de JxC para a súa eventual investidura prevista para o vindeiro 17 de agosto cando se constitúan as novas Cortes. Xa non lle chega coa abstención dos cataláns.

A loita pola tercera praza entre VOX (33) e Sumar (31) decantouse pola mínima pola tolda ‘verde’, que perdeu 19 escanos co respecto aos anteriores comicios de 2019. Funcionou, por tanto, o encaixe mediático e político das esquerdas para atizar a ameaza dunha ultradereita ibérica aínda en cernes. No noso editorial de xullo falábamos da ‘berlusconización‘ da política española, especie de normalización dun trumpismo ibérico de talante ultranacionalista. O 23X demostrou que, cando menos, esta perspectiva debe esperar a súa quenda, se finalmente chega a tela. A diferenza de 2019, en 2023 o dilema estivo nas dereitas. Se no seu momento o dilema era a posición do PSOE fronte a Podemos, hoxe é a do PP fronte a VOX.

Outra lectura ten que ver coa saturación diaria preelectoral das enquisas, a maioría privadas, que deixan ‘polo chan’ a súa credibilidade tomando en conta os resultados: ao final, o ‘sanchismo’ non estaba ‘morto nin de parranda’. Tamén debe destacarse a manipulación mediática, dende tódolos ángulos do espectro político, sazonada por bulos e fake news que perverten o debate e a análise crítica. Si, os medios son tóxicos, como din o noso director Guillermo Rodríguez. E este 23X así o demostraron.

“A lección é clara, un ‘aviso para navegantes’ dirixida ás axendas ‘ultras’ tanto da dereita como da esquerda: o bipartidismo PP-PSOE segue firme e non ten atisbos de desaparecer a curto prazo”

Pero volvamos ao inicio: a lección é clara, un ‘aviso para navegantes’ dirixida ás axendas ‘ultras’ tanto da dereita como da esquerda: o bipartidismo PP-PSOE segue firme e non ten atisbos de desaparecer a curto prazo. E hai quen ‘soña’ cunha reprodución ibérica da “Gran Coalición” bipartidista CDU-SPD que en 2005 levou a Ángela Merkel á Chancelería alemá.

Non existen expectativas que indiquen que en España ocorrerá o mesmo a pesares da tamén visible atomización do espectro político español. Polo pronto, o encaixe constitucionalista da transición de 1978 segue ‘atado e ben atado’ polo binomio PP-PSOE. Pero agora cunha diferenza: os ‘nacionalismos periféricos’ puxan cada vez máis por ser decisivos na política estatal.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.